sábado, 31 de agosto de 2013

DISFUNCIÓN CONTINUA NAS FESTAS DE OUZANDE 2013

O domingo 8 de setembro, A Fervenza de Ouzande programa un espectáculo teatral para poñer remate ás festas do Socorro 2013, organizadas pola Xunta Parroquial.

Trátase da comedia ERAN OUTROS TEMPOS, OU NON?, da compañía Disfunción Continua da Estrada. Nesta obra, un grupo de mulleres botan a vista atrás para rememorar aqueles tempos nos que compartían pupitre. A acción ubícase nunha escola franquista de 1957 e recréanse as clases de matemáticas, relixión, educación física, formación do espírito "nacional", labores ou economía doméstica e trata de mostrar como se inculcaban valores coma o autoritarismo, conformismo, submisión, familia patriarcal, pobreza, machismo... Uns valores que animan a reflexionar sobre a educación actual. 

A compañía fundada en 2012, xa representou unha obra titulada "Cóncavo Convexo" e agora prepararon este novo espectáculo que está dirixido por Jouse García e que amplía o elenco con actores da Estrada e Vedra: Sabela Magariños, María Porto, Clara Iglesias, Alejandro Picallo, María Gaiteiro, Manu Mougán, Natalia Carbajal e Manuel Rosende.  

A obra foi estreada dentro da XII edición do festival "Móstra(te)” o pasado 26 de xullo en Salvaterra do Miño.

A representación terá lugar no Campo da Festa de Ouzande, ás 20:00 horas. A entrada será de balde, e a obra é apta para todos os públicos.

A Asociación agradece a colaboración do Concello da Estrada para a realización da actividade.

mércores, 28 de agosto de 2013

FERVENZA DE MÚSICAS 2013 EN OUZANDE

FERVENZA DE MÚSICAS
VI FOLIADA DE MÚSICA TRADICIONAL. OUZANDE-A ESTRADA

O programa desta VI Foliada será o seguinte:
Día: Venres, 6 de setembro de 2013
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
O campo estará cuberto por unha carpa e haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar. Actuacións Musicais:
O Ghusto do Boi (Boqueixón) 
Animada e animosa charanga de música tradicional e popular. Unha ducia de compoñentes, con moito instrumento de vento, percusión e acordeón. Presentes en moreas de festas neste verán.
Os Ke Hai (Callobre) 
Veterana agrupación estradense de música tradicional. O grupo callobrés non falta en ningunha festa, foliada e festival da comarca
Xurumelo (Santiago) 
Trío santiagués que interpreta a música tradicional dun xeito orixinal e atrevido. Acordeóns e voz. Música de moita calidade. Participaron no recente Folk de Raíz de Callobre.
Retrouso (Ouzande)
Grupo anfitrión, fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O pasado ano presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional.
Recanto (Ouzande) 
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o pasado ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, este mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, o pasado mes de abril.

Ao mesmo tempo convidamos a todos e todas que o desexen a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.

luns, 26 de agosto de 2013

imaxes UNHA NOITE NO MUIÑO 2013

O pasado sábado, 17 de agosto, fomos pasar unha noite no muiño do rubio, na Fervenza de Ouzande. Aí quedan as mellores imaxes.

xoves, 15 de agosto de 2013

unha noite no muíño 2013

Lugar: Muíño do Rubio na Fervenza de Ouzande.
Hora: 10 da noite.
Motivo: Pasalo ben.
Hai que levar a cea, ganas de festa e, se tés, algún instrumento musical. Imprescindible lanterna para o camiño. Calquera cousa pode acontecer. Se queres, podes ir "vestido/a" para a ocasión.

Éxito do Mago Toño en Ouzande

Aí quedan as mellores imaxes do espectáculo que o Mago Toño nos ofreceu o pasado domingo, como remate ás festas de San Lourenzo na Parrouia. Nunha agradable tarde de verán o artista fixo as delicias de pequenos e maiores, que en máis dun cento, asistiron ao espetáculo.

sábado, 3 de agosto de 2013

O Mago Toño volve a Ouzande

O MAGO TOÑO actuará no local social de Ouzande, con motivo da celebración das festas de San Lourenzo na parroquia. A actuación porá remate ás festas o día 11 de agosto a partir das 7 e media da tarde e nela o mago estradense ofrecerá un espectáculo dirixido a público de todas as idades.

Imaxes Lumeiro 2013 en Ouzande

Aí quedan as mellores imaxes do lumeiro deste ano.