luns, 22 de xuño de 2015

As imaxes do Fin de curso 2015

Celebrouse o pasadosábado no medio dunha numerosa e animada concorrencia. Os alumnos das diferentes disciplinas: baile, percusión, gaita, acordeón, pandeireta e canto tradicional mostraron aos asistentes un pequeno repertorio de pezas traballadas durante o presente curso 2014-15. Xa entrada a noite todos os asistentes foron agasallados pola organizacion con uns pinchos de convivio, ao que seguiu unha foliada que se mantivo ate ben entrada a noite, aproveitando as magníficas condicións climatolóxicas e o bo ambiente reinante entre a concorrencia. A maior parte das clases despídense ata o próximo mes de setembro, no que se retomará de novo o curso normal das mesmas.

domingo, 21 de xuño de 2015

Lumeiro 2015


O próximo 23 de xuño, martes,  terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e, se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa. 

Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...

Ah!  Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 7 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

venres, 19 de xuño de 2015

a camiseta do verán 2015_seguimos tecendo_


Xa están á venda as camisetas do verán 2015. Este ano as camisetas da asociación locen un fermoso deseño SEGUIMOS TECENDO realizado por Rosa de Cabanas. Están á venda na Taberna de Ouzande e tamén nas diferentes actividades da asociacióN.

martes, 16 de xuño de 2015

Foliada fin de curso 2014-2015




Un ano máis a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. No curso presente mantívose unha gran participación nestas clases, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta, baile, cancións tradicionais e acordeón.

Convidámoste entón a unha foliada para o sábado 20 de xuño a partir das 9 da tarde no campo da festa. Convidaremos tamén a uns pinchos a todos os asistentes.

Se queres, podes achegarte a partir das 8 e cuarto para ir preparando todo.
 Non esquezas traer o teu instrumento musical.

as fotos da ruta por guimarei 2015

Participaron 18 persoas que completaron o recorrido previsto nunha calorosísima mañá. Aínda así, a variedade de paisaxes e o percorrido pola xeografía rural e arquitectónica da parroquia fixo as delicias dos participantes. 
Con esta, remata o programa de primavera das Rutas da Fervenza de Ouzande.

xoves, 4 de xuño de 2015

Imos Andar. Ruta a Guimarei



Programa Imos Andar Primavera 2015
A Fervenza de Ouzande
Ruta de Guimarei
7 de xuño de 2015

ACCESOS: Hai que saír da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 1 km do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada). A igrexa está a man esquerda.
PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos.
PERCORRIDO: 10,5 quilómetros, partindo de Ouzande, percorreremos carreiros cara a veciña parroquia de Guimarei. Regresaremos atravesando tamén a parroquia da Somoza
MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...) e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:00 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO: 13:30h (Igrexa de Ouzande)
A actividade é gratuita. A inscrición farase no momento da saída, polo que se prega puntualidade.

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
Igrexas: Igrexa románica de Ouzande e cruceiros e igrexa de Guimarei. Curiosamente ambas foron aparecen en diversos debuxos de Castelao.
Contornos rurais: Lugares de Guimarei: A Torre, A Cruz, Xerlís,
Contornos naturais: Agros de Ouzande e Guimarei; regato do Zarabeto e da Pinguenla, Castro de Guimarei.
-Patrimonio arquitectónico: Pazo e Torre Medieval de Guimarei, Pazo da Algaria, (desgraciadamente ambos en mal estado de conservación), Pazo de Xerlís, etc.


Mapa da ruta

mércores, 3 de xuño de 2015

A Fervenza de Ouzande en Celanova

A AC A Fervenza de Ouzande celebrou a súa excursión anual, que chegaba á súa 14ª edición, cunha visita á comarca de Terra de Celanova, especialmente centrada nos diferentes e interesantes aspectos do Concello de Celanova. 
Un grupo de 55 ouzandeses arribou a primeira hora da mañá do domingo a terras ourensás para realizar un completo programa de actividades que achegaría aos participantes ao pasado e presente histórico, cultural, paisaxístico e mesmo literiario, desta fermosa localidade. 
A visita comezou cun agradable paseo comentado polo xacemento castrexo de Castromao, próximo á capital municipal. O percorrido pola historia celanovense, e galega por extensión, comezaba case polo principio. Os excursionistas admiraron os restos excavados dun dos mellores testemuños do noso pasado. Admiraron tamén as fantásticas vistas ao Val do Arnoia e da comarca celanovesa que desde o castro se contemplaban. 
A seguir o nutrido grupo desprazouse á historica vila medieval, magnificamente restaurada e conservada, de Vilanova dos Infantes, onde puideron visitar a antiga torre medieval e coñecer de primeira man a historia deste lugar a través da mostra que recolle este recinto. Completouse a estancia en Vilanova cunha visita ás antigas covas de Vivián, dedicadas antigamente a usos tan diversos como adegas, ou mesmo recinto de culto xudeu, na Idade Media. 
Á hora do xantar a comitiva desprazouse ao adro do Santuario da Virxe do Cristal, tristemente célebre nos últimos meses polo roubo da orixinal figura desta Virxe e pola morte violenta do párroco do lugar, don Adolfo Enríquez, neste triste suceso. Logo da comida campestre, gozaron duns agradables momentos de descanso, lecer e convivencia, recuperando forzas para o programa da tarde. 
Tras un paseo pola vila de Celanova, visiblemente máis recuperada que hai uns anos, (a primeira excursión da asociación, en 2002, incluíra unha fugaz parada neste lugar), os participantes realizaron unha completa visita ao Mosteiro de Celanova, á súa impresionante igrexa barroca, así como á igrexa de San Miguel, verdadeira xoia prerrománica. A maxestuosidade do Claustro, ou da Igrexa, cos seus impresionantes retablos, coros, órgano, cúpula..., causaron admiración, así como o diminuto templo prerrománico de San Miguel. 
O remate da actividade foi de carácter literario, e non podía ser doutro xeito no berce de escritores das nosas letras como Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez, ou o vilanovés Méndez Ferrín. O grupo achegouse á casa natal do poeta do Rexurdimento Galego, Manuel Curros Enríquez, habilitada como museo e centro divulgativo da súa figura e da dos escritores celanovenses. 
Os excursionistas da Fervenza estiveron acompañados en todo momento por persoal da Fundación Curros Enríquez, encargada de xestionar e divulgar os magníficos recursos culturais, históricos e turísticos dos que dispón esta localidade e a súa contorna. E abofé que o fixeron ben.

Coma sempre, o bo ambiente, a camaradería e a magnífica convivencia reinaron no transcurso de toda a xornada, pensando xa... onde iremos o ano que ven...
Aí quedan as mellores fotos.