martes, 30 de decembro de 2008

Benvido 2009

A partir da 01:00 da madrugada no local social de Ouzande. A asociación convida ás uvas do novo ano. E despois festa...

E do novo ano xa temos almanaque. Podelo conseguir na Taberna de Ouzande ou pedíndollo a algun/ha fervenciño/a

luns, 1 de decembro de 2008

carreiros 7

Por fin Carreiros 7. Queremos compartilo contigo. Bonito, bonito. E barato.

Neste número continuamos a serie, iniciada no número anterior dedicada á investigación sobre os emigrantes ouzandeses noutras latitudes, baixo o título “Memoria da emigración”. Neste caso inclúese un artigo sobre Florentino do Rubio, emigrante en Itapeva, Brasil. (O artigo basease nunha entrevista gravada e realizada por Manuel de Cabanas, emigrante e “correspondente” de Carreiros na diáspora)
Entrevista con Miguel Carbajal, xinete ouzandés campión de Raid e que proximamente competirá no Campionato do Mundo
Creación literaria: Poemas de Manuel Cabanas, emigrante ouzandés no Brasil, e do estradense Senén Campos Maceiras.
Entrevista con Lorena Nieves, astrónoma e compoñente de Retrouso, grupo da asociación
Reseña literaria: Días do Final, do ouzandés Manuel Pereira.
Outras seccións:
Cartas e colaboracións de lectores.
Memoria Fotográfica (de festa nos anos 60)
Crónica de actividades, onde se recolle un resume das actividades levadas a cabo pola Asociación neste último ano. (Cursos, festas tradicionais, xogos oulímpicos, etc.)

Realizouse unha tiraxe de 350 exemplares.
A revista pode adquirirse nos seguintes establecementos:
Taberna de Ouzande
Café A Farola
Argentinos Burguer
Libraría Alberte Quiñoi
Se estás lonxe e queres ter Carreiros contacta con nós carreirosouzande@gmail.com

Aí vos quedan as lembranzas do meu tempo de neno en ouzande, recitadas magnificamente por Manolo de Cabanas dende Brasil (por erro noso non se escoita o primeiro verso: Ouzande foi meu niño...)

xoves, 20 de novembro de 2008

presentación carreiros 7

Tarde de castañas e revistas.
Aí quedan as imaxes dunha celebración fermosa, emotiva e divertida.
Noelia tocou para pensarmos. Rimos con Florentino dende o Brasil. Emocionámonos con Manolo de Cabanas, desde o Brasil tamén.
Próximamente á venda (problemas de imprenta).

martes, 11 de novembro de 2008

carreiros+castañas


O próximo sábado, día 15 de novembro, celebraremos o outono coa chegada dun dos seus froitos máis prezados para nós. Xa chegou o CARREIROS (nº7) e queremos presentalo en sociedade. Como é tempo de castañas estaremos rodeados delas e mais poderemos ver imaxes dos protagonistas da revista, así como uns curiosos videos do noso colaborador en Sao Paulo, Manolo de Cabanas. Será as 19:15 da tarde no local social do Campo da Festa. E se queres in vendo a portada, pica na páxina de Manu

Tiñamos pensado, tamén, facer unha boa festa do magosto, pero decidimos suspendela a causa do pasamento, no día de hoxe, de Don Manuel, cura de Ouzande e socio fundador da Fervenza de Ouzande.
Rendémoslle desde aquí a nosa pequena homenaxe e queremos adicar ao seu recordo este novo número de CARREIROS.

venres, 17 de outubro de 2008

charlas sobre saúde


O Concello da Estrada organiza unha serie de charlas dentro do Programa Concello Saudable. A AC A Fervenza de Ouzande solicitou a súa celebración en Ouzande. Terán lugar no local do Campo da festa e os horarios e contidos serán:


Xoves 23 de outubro ás 8 e media da noite:

CLAVES PARA UNHA BOA SAÚDE

-Claves para unha boa saúde

-Hábitos saudables

-Sexualidade


Mércores 29 de outubro ás 8 e media da noite:

NUTRICIÓN SAUDABLE

-Saúde e nutrición doméstica

-Deseño de menús saudables

-Cociñado e conservación dos alimentos

-Alimentación dos nosos fillos e fillas


Xoves 30 de outubro ás 8 e media da noite:

PREVENCIÓN DE ACCIDENTES DOMÉSTICOS

-Prevención

-Primeiros auxilios

-Autoestima e autoconcepto


A asistencia é gratuíta. Recomendamos a participación nas mesmas polo enorme interese dos seus contidos.


martes, 7 de outubro de 2008

horario definitivo. bailas?


HORARIOS DOS CURSOS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL

GAITA
Venres ás 21:30

PANDEIRETA
Veteranas
Sábados ás 16:00

Iniciación
Sábados ás 17:00

BAILE
Sábados ás 18:00

Aínda podes incorporarte, achegándote ao local social de Ouzande nos horarios indicados.

mércores, 1 de outubro de 2008

bailas?

CURSOS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL CLASES DE GAITA, BAILE E PANDEIRETA

Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 4 de outubro no local do campo da festa ás 4 e media da tarde. Na mesma informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA e BAILE.

O horario da clase de GAITA será todos os venres ás 9:30 da noite.

Nesta reunión terá lugar unha actuación por parte do grupo de gaitas da Fervenza. Tamén convidamos ás participantes nas clases de pandeireta a traeren a mesma para interpretaren algunha peza. As persoas que veñan por primeira vez tamén poden traer a súa pandeireta, se a teñen.

Anímate a tocar algún instrumento ou a bailar. Verás que non é tan difícil, e ademais vas pasalo ben.

Podes inscribirte enviando un correo a carreirosouzande@gmail.com

mércores, 24 de setembro de 2008

retrouso no concurso de ponteareas 2008

Os nosos RETROUSO non defraudaron. Parabéns a Noe, Marcos, Alex e Antonio polo ben que o fixeron en Ponteareas. A verdade é que houbo moito nivel e que os que levaron os premios merecérono ben. Noraboa a todos, especialmente aos Chupacabras que gañaron.

mércores, 17 de setembro de 2008

xogos populares "OUlímpicos"

Alá foron os II xogos oulímpicos da nosa eira. Rematamos cunha divertida tarde de xogos tradicionais e populares. Aí quedan as imaxes do día.

fervenza de músicas

Que ben o pasamos. Temos que agradecerllo a Retrouso, O Regato de Matamulleres, Xa son faif e á Requinta da Laxeira, que nos fixeron bailar a base de ben.

xoves, 11 de setembro de 2008

xogos tradicionais e clausura OUlímpica

A Fervenza de Ouzande programa unha tarde de xogos para poñer remate ás Festas do Socorro. Comezarán a partir das 18:30, coa inscrición de todos interesados, que a continuación poderán practicar os diferentes xogos que estarán no campo da festa.
A tarde rematará coa cerimonia de clausura do ANO OULÏMPICO de Ouzande e cunha merenda para todos e todas as participantes.

Xogos:
Xogo da ra, Zancos ou chalancas, Chave, Aros, Petanca, Sacos, Trompos, Corda, Bólas, Chapas, Birlos celtas, Bolos do Soldón.

Hai xogos para todas as idades, maiores e pequenos.

venres, 5 de setembro de 2008

fervenza de músicas

Presentamos un novo proxecto musical: fervenza de músicas. Trátase dunha foliada de música tradicional e popular que terá lugar o próximo venres 12 de setembro no campo da festa de Ouzande, a partir das 10 da noite.
Os grupos convidados son

Retrouso (Ouzande)
Regato de Matamulleres (Callobre)
Xa son faif (Teo)
Requinta da Laxeira (Vedra)

Por suposto estás convidado/a a vir pasalo ben, e se queres trae algún instrumento que non hai hora para o remate da festa.
Teremos carro de polbo e churrasco, e o campo ben cuberto para estar ao enxoito.

mércores, 20 de agosto de 2008

mércores, 13 de agosto de 2008

fotos xogos oulímpicos 2008

aí quedan as fotos dos segundos xogos oulímpicos Ouzande 2008

mércores, 6 de agosto de 2008

II xogos OUlímpicos

O próximo domingo día 10 de agosto, nas Festas de San Lourenzo, a AC A Fervenza de Ouzande organiza os segundos “Xogos Oulímpicos”, a partir das 6 da tarde no Campo da Festa. A actividade destinada a público de todas as idades constará dos seguintes xogos e deportes:

Lanzamento de pluma.
Subida de augas mansas
Levantamento de carozos
Salto de Toupa
100 metros arrughados
Baloncegho
Xincarreta
Biciclentas

Horario:
18:00 Inscricións
18:30: Recibimento do Fachico Oulímpico e Desfile Oulímpico con todos os participantes
19:00. Probas Oulímpicas.
20: 45: Entrega de Medallas e agasallos.
21: 00. Exhibición ecuestre.



Non esquezas mercar a túa camiseta "oulímpica". Hainas na taberna de Ouzande e no café A farola. Modelos e talles variados, como se ve na foto.

luns, 14 de xullo de 2008

Retrouso en Callobre

Aí tes unhas fotos das probas e da actuación de Retrouso en Callobre.
Parabéns a Manu, Alfonso, Martín, Óscar, Antonio, César, Alex, Noelia e Carolina polo ben que o fixeron. E a Marcos, sempre.

domingo, 13 de xullo de 2008

Retrouso no 9º Folk de Callobre

Aí queda un anaco dunha das pezas que os nosos RETROUSO interpretaron no Festival de Callobre o venres 11 de xullo. Noraboa pola actuación, que non deixou a ninguén indiferente.

martes, 8 de xullo de 2008

fotos do lumeiro

Aí van as fotos do lumeiro.
Asamos chourizos con espetos de loureiro.
Fixemos o home do saco e queimamos todo o que quixemos queimar.
Saltamos a fogueira e lavámonos con auga de flores.

mércores, 18 de xuño de 2008

lumeiro


o 23 de xuño a partir das 22.00h, no campo da festa da festa de Ouzande
música e festa con Retrouso
chourizos na brasa da fogueira
e xa sabes, podes botar ao lume todo o malo que queiras queimar
... e mollarte con auga de flores

domingo, 15 de xuño de 2008

os bicos de paula

O sábado á tardiña, Paula Carballeira encheunos de bicos cos seus contos árabes, orientais, mesmo contos chinos. Sherezade resucitou nas súas vertixinosas historias de princesas feas e príncipes parvos.

En Ouzande fomos felices e emocionámonos con contos de paz, liberdade e amor..., como en Armenia.

Gracias, Paula.



venres, 6 de xuño de 2008

chuvia de contos con Paula Carballeira

O próximo sábado día 14 de xuño a AC A Fervenza de Ouzande presenta un espectáculo de contacontos a cargo da actriz e escritora Paula Carballeira.

A actividade terá lugar no Local Social do Campo da Festa de Ouzande e dará comezo ás 8 da tarde. A entrada será de balde.