martes, 22 de xuño de 2010

lumeiro 2010



O próximo 23 de xuño, mércores, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e pódese levar algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderá asar cada un nas brasas da fogueira, con espetos de loureiro. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.
Como sempre, haberá algunha sorpresiña..., ¿onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...
Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 6 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

mércores, 9 de xuño de 2010

imos andar. roteiro do castro de arcos


Hora de saída: 10.00 da mañá, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio. Percorrido de 11 km.
LUGARES DE INTERESE: no camiño habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
-Castro de Arcos. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras, pero tamén de Terra de Montes, A Ulla e Terras de Santiago. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.
-Camiño dos lobos. Para chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.
- Fonte do Redondo. Xa de volta faremos unha parada no fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla directamente desde o chan.

mércores, 2 de xuño de 2010

fotos excursión verín 2010

Aí quedan as imaxes da nosa viaxe a Verín, o pasado domingo 30 de maio. Castelos, historia, auga, calor..., e moita camaradería