venres, 22 de decembro de 2023

VOLVEMOS ANDAR TAMÉN EN NADAL

  A AC A Fervenza de Ouzande recupera na súa programación a Ruta de Nadal, que non se celebrou estes últimos anos e que se iniciou alá polo 2010. Nesta edición, a duodécima, realizarase a subida ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.

A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén servirá para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.

 
Luns 25 de decembro de 2023
Hora de saída: 09:45, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.
12,5 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.


LUGARES DE INTERESE

Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
 
Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.

                                                                        mapa da ruta

 

AS FOTOS DA FESTA D´OUTONO EN OUZANDE

 Deixamos aquí as mellores fotos da festa d´outono en Ouzande, que celebramos o pasado 17 de novembro. Castañas e chourizos asados, xogos, música e festa.

Pica na imaxe para ver máis fotos: