Tal como anunciamos, o pasado 22 de abril, un grupo de dez persoas tivo o privilexio de gozar dun obradoiro de cestería guiado por Capixuta. Realizaron, nunha entretida e amena tarde no local, cadanseu cestiño. Quedaron con ganas de máis. Nós tamén. Picando na imaxe podes ver máis fotos da actividade
sábado, 29 de abril de 2023
martes, 25 de abril de 2023
Volven as rutas da Fervenza de Ouzande. Imos andar outra vez.
O próximo luns, 1 de maio, IMOS ANDAR outra vez.
A Fervenza de Ouzande recupera o seu programa de rutas a pé, IMOS ANDAR, coa realización da RUTA DOS MONTES DA SOMOZA E OUZANDE que terá as seguintes características:
PERCORRIDO: 10
quilómetros, atravesando os montes das parroquias de Ouzande e A
Somoza, reparando en diferentes
puntos de interese.
DIFICULTADE: baixa
MATERIAL: roupa cómoda,
calzado apropiado para monte, e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:00 (Igrexa de
Ouzande)
REGRESO: 13:00h (Igrexa de
Ouzande)
A actividade só se suspenderá en caso que as condicións climatolóxicas adversas non permitan a súa realización.
PUNTOS DE INTERESE: no
noso percorrido habemos atopar os seguintes puntos de interese:
Montes da Somoza. No
transcurso da ruta pola esta parroquia atravesaremos varias masas de
bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros,
e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que pasaremos no percorrido. Circularemos pola aba do Monte Pedroso, un dos máis altos da contorna, con magníficas vistas panorámicas. Cruzaremos tamén o pequeno lugar de Bargo,
na parroquia da Somoza, con algunhas construcións da nosa
arquitectura rural tradicional.
-Muíños da Fervenza de Ouzande. Conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de
cincocentos metros, o máis antigo data do S. XVIII. É unha zona de
especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies
autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do
curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...).
Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza, e son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de
percorrido fluvial na nosa ruta.
Mapa da ruta
mércores, 12 de abril de 2023
CURSO DE CESTERÍA EN OUZANDE
A
AC A Fervenza de Ouzande inicia o seu programa de actividades de
primavera coa celebración dun CURSO DE CESTERÍA no local social.
A
actividade celebrarase na tarde do sábado 22 de abril de 16:00 a 20:00
horas e teremos como guía da mesma á artesá estradense Capixuta.
O
curso ten prazas limitadas (10) e consistirá na realización de dúas
pezas: un cesto e unha tulipa para unha lámpada elaboradas con ratán.
O prezo é de 10 euros para as persoas socias e 15 para as non socias.
As persoas interesadas poden inscribirse no correo da asociación: carreirosouzande@gmail.com ou na Taberna de Ouzande (986570285)
Capixuta
é a marca comercial e artística da artesá estradense Juana Veiga
Castro, que destacou nos últimos anos coa elaboración de pezas moi
variadas e orixinais, que vende en diferentes tendas e a través de
internet. Tivo moita sona o corpiño da súa autoría que levou a actriz
galega María Castro recentemente no Festival de cine de Málaga,
presentando a súa coñecida película Matria.
O programa de
actividades de primavera terá continuidade no mes de maio coa
recuperación do programa IMOS ANDAR de rutas a pé e a excursión anual.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)