luns, 31 de decembro de 2018

Feliz 2019 e bo camiño

No 2019 facemos 18. Seguimos andando camiños. Feliz ano novo.


Ruta de Nadal 2018. Polos carreiros de Ouzande

Un grupo de 20 persoas atreveuse a camiñar o pasado 25 de decembro polos carreiros de Ouzande. Bo día e boa compañía. Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do paseo.

https://photos.app.goo.gl/uwJgUwmEwkezhqQp6

domingo, 23 de decembro de 2018

Nova xornada de convivencia e formación da Xunta Directiva

Por segundo ano consecutivo, o Albergue de Sabucedo acolleu unha xornada de traballo e convivencia da Xunta Directiva. Falamos sobre os novos proxectos da Asociación e o camiño percorrido e por percorrer.
Foi o pasado 25 de novembro. Aí quedan unhas imaxes.








martes, 18 de decembro de 2018

Atréveste? Ruta de Nadal 2018


EN NADAL TAMÉN IMOS ANDAR

O próximo martes 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da novena edición da Ruta de Nadal. Nesta ocasión escolleuse a Ruta dos Carreiros de Ouzande
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A actividade é gratuíta.

PERCORRIDO: 11 quilómetros, atravesando os diferentes lugares de Ouzande (O Redondo, O Castro, O Picoto, O Formigueiro e Alemparte) polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese como fontes, lavadoiros e antigas calzadas. Unha parte do roteiro cruzará o monte de Ouzande, con numerosas carballeiras e pequenos bosques de acivros. Tamén percorreremos un tramo da Ruta da Fervenza e muiños de Ouzande.

DIFICULTADE: baixa

MATERIAL: levar roupa cómoda, calzado apropiado, e ter en conta a predición meteorolóxica.

SAÍDA: 10:15 (Igrexa de Ouzande)

REGRESO: 13:15h (Igrexa de Ouzande)

PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
-igrexa de Ouzande: É de estilo orixinalmente románico, conserva elementos da época coma os canzorros que son únicos na zona ao representaren pecados condenados pola Igrexa. Tamén destaca o seu arco central, o agnus dei, o retablo barroco do Carme...

-cruceiros: hai dous que están nas inmediacións da igrexa, un deles é dos máis antigos da zona, foi recollido por Castelao en As Cruces de Pedra da Galiza.

-muíños da Fervenza: conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S.XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza, aínda que son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.

Magosto 2018

Non puido celebrarse a Foliada de Outono por causa do mal tempo, pero comemos castañas e cantamos e bailamos a cuberto.