Tivo lugar o pasado 8 de xuño. Foi a últimas rutas do programa de primavera IMOS ANDAR, na que participaron unha ducia de persoas, que pecorreron os camiños que unen as parroquias de Ouzande, Tabeirós e A Somoza. Destacou o bo ambiente e a camaradería entre os participantes, así como a visita á igrexa románica de Santiago de Tabeirós, o lugar de Castrorramiro na parroquia da Somoza, e a parada no fermoso contorno da Freixa (fervenza de muiños) desa mesma parroquia. Aí quedan as imaxes:
sábado, 22 de xuño de 2013
luns, 17 de xuño de 2013
Lumeiro 2013
UNHA FESTA DIFERENTE
O próximo 23 de xuño, domingo, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e, se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa. Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el... Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 6 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...
O próximo 23 de xuño, domingo, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e, se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa. Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el... Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 6 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...
Fotos Festa Fin de curso 2013
Máis de sesenta persoas participaron na Festa de Fin de curso das Clases de Música tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande, que tivo lugar o pasado sábado 15 de xuño. Comezaron compartindo unha merenda de confraternidade, á que seguiu unha velada musical, na que participaron os alumnos e alumnas das clases de gaita, pandeireta, tambor, acordeón e canto tradicional. A Foliada prolongouse ata ben entrada a noite, entre un bo ambiente de todos e todas as participantes. Aí quedan as mellores fotos:
mércores, 12 de xuño de 2013
Festa Fin de Curso 2013
Este ano a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. O curso presente supuxo un notable aumento da participación nestas clases, superando as sesenta persoas, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta e acordeón. Destacou tamén o grupo de cancións tradicionais que empezou as clases este curso e que xa conta cun número importante de compoñentes, que xa fixeron algunha actuación, nos Cantos de Taberna de Pontevedra e na Sardiñada de San Antón.
Convidámoste entón a unha foliada para o sábado 15 de xuño a partir das 9 da tarde no campo da festa. Convidaremos tamén a uns pinchos a todos os asistentes. (Se queres, podes achegarte a partir das 8 e cuarto para ir preparando todo) Non esquezas traer o teu instrumento musical.
Están invitados todos os veciños e veciñas da parroquia e cantos amigos desexen vir.
venres, 7 de xuño de 2013
imaxes excursión ourense romano e urbano 2013
A excursión anual, que cumpría a décimo segunda edición,
organizada pola AC A Fervenza de Ouzande tivo lugar este domingo día 2 de xuño. Perto de 50 persoas
responderon á convocatoria e desprazáronse á cidade de Ourense, e
á Comarca de Bande, a onde foran convocados pola asociación para
vivir e revivir o OURENSE URBANO E ROMANO. O tempo despexado e cálido
acompañou aos ouzandeses durante toda a xornada en terras ourensás.
A visita á cidade
consistiu nun percorrido pola zona histórica, partindo das súas
orixes romanas, e percorrendo as súas diferentes rúas e prazas
nunha viaxe ata o presente.
Comezaron polas orixes coa visita á Alameda e ás
Burgas e o seu Centro de Interpretación. Pasaron polo punto onde se
situaba o campamento romano e foron comprobando como se foi
conformando urbanísticamente a cidade. Aproveitaron a vista a igrexa
de Santa María Nai para coñecer a época xermánica. A plena Idade
Media coñecérona a través da percorrido pola Praza Maior ou Praza
do Campo. Desda Praza do Trigo, antigo mercado medieval, accederon á
Catedral, de orixe románica, comezada a construír en 1157. Puideron
comprobar as orixinais singularidades da igrexa barroca de Santa
Eufemia. Aproximáronse xa a unha fasquía máis moderna da cidade
coa Rúa do Paseo ata a chegada ao parque de San Lázaro, desde onde
baixaron, percorrendo o Camiño de Santiago, ata a famosa Ponte
Romana ourensá, onde gozaron dunhas magníficas vistas da cidade e
do río Miño.
O xantar comunitario celebrouse nas magníficas
instalacións da Feira de Ourense, á beira do Rio Miño, e moi perto
das termas da Chavasqueira, onde os máis atrevidos aproveitaron para
darse un baño.
Despois do merecido descanso dirixíronse á
coñecida igrexa de Santa Comba de Bande, con orixes no século VII.
Nesta visita os excursionistas puideron gozar dunha magnífica
explicación histórica e artística por parte dunha veciña do
lugar, que é a encargada do coidado e divulgación desde monumento
histórico.
No mesmo concello de Bande, dirixíronse ao
Xacemento Arqueolóxico Aquis Querquennis, antigo asentamento do
exército romano na chamada Via Nova. Tiveron ocasión de visitar
previamente o magnífico Centro de Interpretación do mesmo, da man
dunha guía do mesmo. Os veciños e de Ouzande resultaron moi
gratamente sorprendidos coa visita “in situ” a este magnífico
recurso arqueolóxico e histórico, e tan pouco coñecido na nosa
comunidade.
Sen moitas máis incidencias, e cun sorriso nos
beizos, despois dun día de convivencia e descubrimento de novas
cousas, o autobús puxo rumbo a Ouzande, onde os excursionistas
arribaron na hora prevista.
Aí van as mellores imaxes
fotos ruta das letras 2013
VIII RUTA DAS LETRAS.
SUBIDA Á PEDRALBA
ANDAMOS E FALAMOS
SUBIDA Á PEDRALBA
ANDAMOS E FALAMOS
A pesar das anunciadas inclemencias meteorolóxicas
un grupo de 22 respondeu á convocatoria da Fervenza de Ouzande. A
comitiva saiu puntual do adro da Igrexa de Ouzande, para dirixirse aos
montes da Somoza. Atravesaron as abas do Pedroso sen maiores
incidencias, pero cando acadaban o cumio do monte da Pedralba (634m)
foron recibidos por unha boa tormenta, que por momentos chegou a ser de
sarabia. A volta permitiu atravesar os fermosos montes da Somoza e
Ouzande, que conservan aínda numerosas masas de carballeiras e outras
especies autóctonas. O grupo, mollado, pero satisfeito polo obxectivo
cumprido, chegou á hora prevista ao punto de regreso. Alí, ademais de
recibir o agasallo prometido pola asociación, un libro na nosa
lingua(Longa noite de Pedra, de Celso Emilio Ferreiro), foron
obsequiados coa lectura dramatizada de textos de Roberto Vidal Bolaño, a
cargo de membros da asociación. Un ano máis a Asociación cumpriu os
obxectivos da actividade: ANDAMOS, FALAMOS E LEVAMOS UN LIBRO PARA A
CASA.
AÍ QUEDAN AS MELLORES IMAXESRuta Ouzande-Tabeirós-A Somoza
Rematamos o programa IMOS ANDAR de camiñadas a pé na primavera.
O próximo domingo, 9 de xuño realizaremos a Ruta a Tabeirós e a Somoza.
Hora de saida e chegada: 10:00/13:30 Igrexa de Ouzande
Percorrido: 12 km.
Dificultade: baixa.
Puntos de Interese:
-Igrexas Románicas:
Igrexa
de Ouzande e de Santiago de Tabeirós.
-Contornos rurais: O
Formigueiro en Ouzande, As Quintas en Tabeirós; e especialmente
Castrorramiro na Somoza, lugar que conserva numerosas edificacións
tradicionais, así como a estrutura histórica da aldea.
-Contornos
naturais: Agros
de Ouzande, numerosas masas de flora autóctona, especialmente
carballeiras.
Pozo da Freixa na Somoza: contorno de
muiños e unha fervenza de extraordinaria beleza.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)