luns, 20 de maio de 2024

EXCURSIÓN ANUAL 2024. DESTINO ORTEGAL

ANDANDO CAMIÑOS

EXCURSIÓN COMARCA DE ORTEGAL/FERROLTERRA
Programa:

9.00. Saída (Igrexa de Ouzande)

-Parada café
-Faro de Bares
-Porto do Barqueiro
-Ortigueira. Xantar no piñeiral da Praia de Morouzos
-Loiba
-Serra da Capelada
-Santo André de Teixido
-Cedeira

21:00. Chegada a Ouzande

Prezos
15 euros para persoas socias
10 euros para persoas socias menores de 18 anos
20 euros para persoas non socias de calquera idade
Cada persoa debe levar a súa propia comida


Inscricións
enviando correo a carreirosouzande@gmail.com
na Taberna de Ouzande: 986570285

Recomendamos levar roupa e calzado cómodo e estar atentos/as ás predicións metereolóxicas.
En caso de chuvia, comeremos a cuberto.

Ánimate a probar a experiencia de ir de excursión coa Fervenza de Ouzande. 

 

sábado, 11 de maio de 2024

RUTA DAS LETRAS 2024. SUBIDA Á PEDRALBA

 


Ruta das Letras. Andamos e falamos.

Subida á Pedralba

O próximo venres 17 de maio, terá lugar unha nova edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación. A actividade realizouse por primeira vez no ano 2006 e volve á programación da asociación despois duns anos de ausencia.

Saída/Chegada: 9:30 / 13:30 Igrexa de Ouzande

Percorrido: 15 km

TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA.

A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

Recoméndase levar calzado resistente, debido ás condicións do camiño, así como uns prismáticos.

A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.

A actividade conta coa colaboración do Concello da Estrada.

LUGARES DE INTERESE:

- Montes do Pedroso e A Pedralba (A Somoza): posto que albergan numerosas especies autóctonas que sobreviviron as reforestacións masivas de coníferas, especialmente de piñeiros e eucaliptos. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).

- Monte Cabalar: A rota discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”, o que nos permitirá desfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar  as mandas de cabalos e vacas en liberdade.

- Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza... O alto da Pedralba, obxectivo da ruta, sitúase a 634 m de altitude, e permitirá gozar aos camiñantes de vistas como as indicadas, e mesmo, en caso de boa visibilidade, da contemplación das Rías de Arousa e Pontevedra.






xoves, 9 de maio de 2024

Recanto de Ouzande participou nas Xornadas Mar en Terra celebradas en Terreboredo

 O pasado sábado 4 de maio o grupo de canto da Fervenza de Ouzande, Recanto, acompañado por percusionistas de Retrouso participou na foliada programada dentro das Xornadas Mar en terra organizadas por Namoreiras en Terreboredo, Arca.

Estupenda, aínda que chuviosa noite, a que pasaron os nosos artistas. Picando na imaxe podes ver máis fotos.

                                                 

E de agasallo, un pequeno vídeo da actuación







A actuación de Retrouso e Recanto de Ouzande nas Noites de Raíz 24 en Callobre

 

Como se ve no cartel, os nosos grupos estiveron moi ben acompañados nunha animada noite musical en Callobre o pasado 13 de abril

Aí quedan unhas imaxes da actuación do grupo de música tradicional Retrouso e do grupo de cancións Recanto. Moi contentos/as e agradecidos/as polo trato recibido.

Pica na imaxe e poderás ver máis fotos.