venres, 12 de xullo de 2024

ASÍ FOI A FOLIADA FIN DE CURSO EN OUZANDE 2024

 A Fervenza de Ouzande pechou un novo curso de música e baile tradicional en Ouzande. Todos os grupos das disciplinas impartidas foron mostrando os seus progresos nun ambiente festivo.

As clases de pandeireta, gaita, percusión, baile e canto foron desfilando diante dun público animoso e entregado. A seguir, os grupos convidados Pedras Miúdas de Lires e Sonche Lerias de San Xián de Sales, tamén mostraron o seu bo facer musical.

A festa continuou cunha animada foliada onde os grupos se mesturaron para cantar, tocar e bailar ata a madrugada. 

O ano que ven máis. As mellores fotos picando na imaxe: 





domingo, 16 de xuño de 2024

FOLIADA FIN DE CURSO 2024

A Fervenza de Ouzande pon fin ao curso musical cunha foliada.

Este sábado, 22 de xuño, a partir das 21 horas, no campo da festa de Ouzande, terá lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2023-24.  que incluíron as disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional. Unhas 30 persoas acudiron á súa cita semanal nestas modalidades.

O evento do próximo sábado iniciarase coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases. A foliada continuará coa participación de dous grupos amigos, como son  PEDRAS MIÚDAS (Lires_Cee) e SONCHE LERIAS (San Xián de Sales_Vedra). Convidamos tamén a que as persoas que o desexen traian os seus instrumentos e ganas de pasalo ben para continuar coa festa.

Haberá servizo de bar con bebidas e chourizos asados a prezos módicos.

CAMISETAS DA FERVENZA DE OUZANDE

Aproveitaremos esta actividade para poñer á venda a camiseta da Fervenza 2024.  Nesta ocasión o deseño, de Rosa de Cabanas, homenaxea ás clases de baile da asociación. Tamén se porán á venda bolsas(tote bag) co mesmo deseño.

A FERVENZA DE OUZANDE VIAXOU A ORTEGAL


51 persoas responderon á convocatoria da Fervenza de Ouzande. Un soleado e venteado día recibiu aos excursionistas na comarca de Ortegal, na que puideron visitar o Faro da Estaca de Bares, a vila do Porto do Barqueiro, os acantilados de Loiba, a vila de Ortigueira, a Serra da Capelada e Santo André de Teixido. O xantar compartido tivo lugar no piñeiral da praia de Morouzos. Coma sempre reinou un gran ambiente de camaradería e boa convivencia, quedando citados xa para o ano que ben. 
Podes ver moitas e moi bonitas fotos picando na imaxe:
 

 

luns, 20 de maio de 2024

EXCURSIÓN ANUAL 2024. DESTINO ORTEGAL

ANDANDO CAMIÑOS

EXCURSIÓN COMARCA DE ORTEGAL/FERROLTERRA
Programa:

9.00. Saída (Igrexa de Ouzande)

-Parada café
-Faro de Bares
-Porto do Barqueiro
-Ortigueira. Xantar no piñeiral da Praia de Morouzos
-Loiba
-Serra da Capelada
-Santo André de Teixido
-Cedeira

21:00. Chegada a Ouzande

Prezos
15 euros para persoas socias
10 euros para persoas socias menores de 18 anos
20 euros para persoas non socias de calquera idade
Cada persoa debe levar a súa propia comida


Inscricións
enviando correo a carreirosouzande@gmail.com
na Taberna de Ouzande: 986570285

Recomendamos levar roupa e calzado cómodo e estar atentos/as ás predicións metereolóxicas.
En caso de chuvia, comeremos a cuberto.

Ánimate a probar a experiencia de ir de excursión coa Fervenza de Ouzande. 

 

sábado, 11 de maio de 2024

RUTA DAS LETRAS 2024. SUBIDA Á PEDRALBA

 


Ruta das Letras. Andamos e falamos.

Subida á Pedralba

O próximo venres 17 de maio, terá lugar unha nova edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación. A actividade realizouse por primeira vez no ano 2006 e volve á programación da asociación despois duns anos de ausencia.

Saída/Chegada: 9:30 / 13:30 Igrexa de Ouzande

Percorrido: 15 km

TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA.

A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

Recoméndase levar calzado resistente, debido ás condicións do camiño, así como uns prismáticos.

A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.

A actividade conta coa colaboración do Concello da Estrada.

LUGARES DE INTERESE:

- Montes do Pedroso e A Pedralba (A Somoza): posto que albergan numerosas especies autóctonas que sobreviviron as reforestacións masivas de coníferas, especialmente de piñeiros e eucaliptos. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).

- Monte Cabalar: A rota discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”, o que nos permitirá desfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar  as mandas de cabalos e vacas en liberdade.

- Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza... O alto da Pedralba, obxectivo da ruta, sitúase a 634 m de altitude, e permitirá gozar aos camiñantes de vistas como as indicadas, e mesmo, en caso de boa visibilidade, da contemplación das Rías de Arousa e Pontevedra.






xoves, 9 de maio de 2024

Recanto de Ouzande participou nas Xornadas Mar en Terra celebradas en Terreboredo

 O pasado sábado 4 de maio o grupo de canto da Fervenza de Ouzande, Recanto, acompañado por percusionistas de Retrouso participou na foliada programada dentro das Xornadas Mar en terra organizadas por Namoreiras en Terreboredo, Arca.

Estupenda, aínda que chuviosa noite, a que pasaron os nosos artistas. Picando na imaxe podes ver máis fotos.

                                                 

E de agasallo, un pequeno vídeo da actuación







A actuación de Retrouso e Recanto de Ouzande nas Noites de Raíz 24 en Callobre

 

Como se ve no cartel, os nosos grupos estiveron moi ben acompañados nunha animada noite musical en Callobre o pasado 13 de abril

Aí quedan unhas imaxes da actuación do grupo de música tradicional Retrouso e do grupo de cancións Recanto. Moi contentos/as e agradecidos/as polo trato recibido.

Pica na imaxe e poderás ver máis fotos.



martes, 13 de febreiro de 2024

ASÍ FOI A XUNTA XERAL ANUAL 2024


 O pasado 4 de febreiro celebrouse a Xunta Xeral Anual da Asociación. Unhas corentas persoas acudiron á cita na  que se aprobou o informe de actividades e o económico.

Coma sempre, o mellor veu ao final coa proxección do vídeo das mellores imaxes de 2023 e a merenda de convivencia a base de chocolate e rosca.

Aí quedan as imaxes da xuntanza. Podes ver máis picando na foto:

E abaixo tés o video resume dos mellores momentos de 2023. Que o goces!

venres, 2 de febreiro de 2024

CONVÓCASE A XUNTA XERAL ANUAL DA AC A FERVENZA DE OUZANDE


Convócase a socios e socias á Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 4 de febreiro de 2024 ás 6 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión e actividades. Proxección de imaxes resumindo o ano 2023.

2. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2024

3. Programación anual.

5. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.

xoves, 1 de febreiro de 2024

ASÍ FOI A PARTICIPACIÓN MUSICAL DA FERVENZA DE OUZANDE NO LOCAL DA ACOE

 O pasado 3 de xaneiro os grupos de gaitas e de canto da Fervenza de Ouzande actuaron na programación de Nadal promovida pola Asociación de comerciantes da Estrada. Nun concerto variado e procurando a participación do público interpretaron varias pezas instrumentais e cantadas, incluíndo panxoliñas propias do tempo do Nadal.

Pica na imaxe para ver as mellores fotos.



AS FOTOS DA RUTA DE NADAL 23

 Aínda que xa estamos no 2024, aí quedan as mellores fotos da ruta do Nadal. Podes velas picando na imaxe.