NOITE DE MÚSICA TRADICIONAL.
OUZANDE-A ESTRADA
FESTAS DO SOCORRO 2018
O programa desta noite de música
tradicional será o seguinte:
Día: Venres, 7 de setembro de 2018
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
Haberá posto de polbo e churrasco,
así como servizo de bar.
As actuacións dos grupos convidados
serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así
de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior
participación posible dos asistentes.
Actuacións Musicais
Os
Xeitosos de Trazo (Trazo)
“Os Xeitosos de Trazo” nace por
iniciativa municipal no inverno do ano 1979. Comeza como grupo de gaitas e cuns
doce membros en total. Unha vez asentados e pasados xa ao redor de dous anos,
dan comezo as clases de baile e con iso incorpóranse as primeiras mulleres á
agrupación, pasando a ser máis de 30 persoas.
Na actualidade, os integrantes están
repartidos nas escolas de baile tradicional, gaita e pandeireta, os cales están
divididos segundo as idades destes. Tamén se organizan cursos na propia
asociación, como o de acordeón ou de iniciación ao baile tradicional para
adultos.
Mostran o seu traballo por toda a
comunidade autónoma galega e nestes últimos anos vimos desenvolvendo actuacións
tamén fóra de Galicia e mesmo no estranxeiro. Así mesmo, no ano 2009 asistiron
ao Festival Intercéltico Beltaine (en Avilés), e ao Festival Intercéltico de
Saint Loup (en Francia). Participamos tamén en numerosos concursos de baile
tradicional e de pandereteiras, conseguindo varios premios en distintas
categorías.
Anualmente realizan un festival no seu
concello, ao cal invitan a grupos cos que fan intercambios polo resto do país e
Portugal.
Grupo de
gaitas da AC Rosalía de Castro (Cacheiras-Teo)
Asociación
Fundada no ano 1980. O grupo de gaiteiros e pandereteiras conta no seu haber
coa obtención, entre outros, dos seguintes premios:
Concurso de
cuartetos organizado pola Asociación Folklórica Cantigas e Agarimos: 1º premio
nos anos 1990 e 1992, e 2º premio en 1991.
Concurso de cuartetos
tradicionais organizado pola Agrupación Folklórica Rosalía de Castro de Padrón:
2º premio en 1996 e 1º nos anos 1997 e 1998.
Concurso “Ricardo Portela” organizado polo concello de Pontevedra: 3º premio e
premio especial á mellor interpretación en toque pechado, na edición de 2001.
Concurso de Música Tradicional da A. X. Xacarandaina (A Coruña): 1º
premio en 1999, 3º en 2000 e 2º en 2001.
Concurso “Alalá” da A. F. C. Santa Cruz de Ribadulla (Vedra): 1º premio en
2001.
Concurso
organizado pola A. X. Xalgarete (Vigo): 2º premio na VIII edición, ano 2002.
Grupo Nai
(Santiago)
O grupo NAI xorde no 2014 coa
intención de homenaxear á muller en calquera das súas facetas e tamén as súas
emocións e os seus sentimentos. Con este propósito cantámoslle á falta de
liberdade, á dor, ao desamor, á maternidade, ao maltrato, á perda dun amor
(...) ben a través da música ou ben a través da poesía.
Os seus compoñentes actuais son:
Marcos Varela.Compositor, arranxos,
acordeón, gaita e piano.
Xosé Martíns. Letrista, percusión,
gaita e voz.
Patricia Quintela. Acordeón e voz.
Clara Ponce. Clarinete.
Musicalmente nútrense de pezas do
repertorio popular galego, do cantautor portugués Zeca Afonso e da música
popular do seu país; todos eles arranxados dende o seu punto de vista. Tamén
inclúen algunhas composicións de Marcos Varela, compoñente da formación.
Recentemente publicaron o seu
primeiro traballo discográfico, co mesmo nome que o grupo: Nai.
Retrouso
(Ouzande)
Fundado en
Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música
tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas
da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso;
Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de
extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. No ano
2016 presentaron o seu segundo disco
DOUS, no Teatro Principal da Estrada.
Recanto
(Ouzande)
Agrupación dunha
vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais.
Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que
organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu
convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e
participou desde aquela en foliadas e certames de cantos de Taberna en
Pontecesures, Trazo, Arzúa, A Estrada ou Santo André de Vea.