xoves, 21 de xuño de 2012

lumeiro 2012

O próximo 23 de xuño, sábado, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e pódese levar algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderá asar cada un nas brasas da fogueira, con espetos de loureiro. E ao final saltaremos por riba do lume. Os asistentes poden traer algún recipiente para levaren auga de flores para a casa.
Como sempre, haberá algunha sorpresiña…, onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el…
Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 6 da tarde, para preparar a festa: confección do boneco, recollida de flores para a auga de san xoán…, os maiores esperade que chegue a noite…

cea dos cursos de música 2012

O pasado sábado 16 de xuño tivo lugar a celebración da cea-festa de fin de curso das clases de música de baile tradicional. Na mesma participaron un total de 30 persoas que asisten ás disciplinas de gaita, tambor, pandeireta e acordeón. A xornada de convivencia tivo lugar no local social de Ouzande e consistiu nunha cea, prepara por membros da asociación á que seguiu unha animada velada musical na que os alumnos e alumnas dos diferentes instrumentos mostraron as súas habilidades. Ás tres da madrugada púxose fin
á velada, quedando citados os participantes para o próximo curso. Na cea participaron tamén os profesores Marcos Varela e Silvia Martínez.

ruta dos montes de arcos

A Fervenza de Ouzande pechou o domingo 3 de xuño o seu programa de rutas a pé “Imos andar” cun roteiro polo Monte de Arcos. 22 persoas congregáronse ás 9:30 horas diante da Igrexa de Ouzande para completar os 18km do percorrido. Saíron da parroquia polo lugar do Picoto para adentrarse no Monte de Ouzande, pasaron preto do lugar de Ferreiros, xa en Arcos e posteriormente movéronse polos camiños e carreiros do Monte de Arcos, bordeando o Castro desta parroquia veciña. Desde alí gozaron das fermosas vistas que ofrece o val, co Monte Xesteiras á fronte e cunha panorámica co monte Xiabre e a Ría de Arousa ao fondo. Sobre as 13:20 o grupo de sendeiristas estaba xa de regreso no mesmo lugar do que saíran e onde foron agasallados cun refrixerio por parte da
organización.










fotos da excursión á ría de ares, mugardos e betanzos

Na xornada do domingo 27 de maio un numeroso grupo de ouzandeses gozaron dunha xornada fermosa de excursión. Foise seguindo a programación prevista coas visitas a Mugardos, Redes e Betanzos.
A parte máis agradecida foi cando o presidente da Agrupación cultural e instrutiva de Redes, no Concello de Ares, recibiu a concorrencia ouzandesa para presentarlles a historia e a realidade da vila de Redes. Tras o visionado dun documental e a explicación dos principais aspectos da sociedade redense, houbo un intercambio de agasallos entre as dúas asociacións e unha visita guiada á vila. A pesar de facer a chuvia acto de presenza en dúas ocacións, esta non impediu que se desenvolveran as visitas previstas nin minguou os ánimos. A antiga escola de Redes acolleu aos excursionistas para o xantar e posterior convivencia festiva.
O antigo lavadoiro de Betanzos, o parque do pasatempo e a vila de Betanzos foron visitadas pola tarde para goce das 62 persoas que participaron activamente na excursión.