O próximo sábado a AC A Fervenza de Ouzande convoca a todas as persoas interesadas a unha tarde de limpeza e merenza na contorna da Fervenza de Ouzande.
Tomando como encontro o Muíño do Rubio, os participantes teñen que traer os seus utensilios para a limpeza da maleza a partir das 5 da tarde.
Unha vez rematada a mesma, sobre as 8 da tarde, a Asociación convoca a unha merenda de convivencia á que pode asistir quen o desexe, aínda que non participase na limpeza. A merenda é un convite da AC A Fervenza de Ouzande.
Cómpre dicir que non hai moita maleza que desbrozar pois estes traballos realízanse todos os anos, desde a fundación da asociación alá por 2001. Véxanse imaxes seguintes:
Antes
Despois
Antes
Despois
Antes
Despois
Participa na limpeza.
ENTRE TODOS E TODAS CONSERVAMOS E COIDAMOS O NOSO PATRIMONIO.
O próximo domingo día 14 de agosto,
coincidindo coas Festas de San Lourenzo, a AC A Fervenza de Ouzande organiza os
cuartos “Xogos Oulímpicos”, a partir das 6:30 da tarde no Campo da
Festa. A actividade destinada a público de todas as idades constará dos
seguintes xogos e deportes:
Baixada de augas mansas
Levantamento de carozo
100 metros pavón
Baloncegho
Xincarreta
Biciclentas
Saltos sincronizados
Rebola bóla
Pikachocú
Horario:
18:30 Inscrición (Gratuíta)
19:00: Chegada do Fachico Oulímpico e Desfile Oulímpico con todos os participantes
O pasado de xullo o grupo estradense da ONG Implicadas no Desenvolvemento organizou unha foliada no Areal do Río Ulla, en Berres, co motivo de recadar fondos para a entidade.
A Fervenza de Ouzande participou activamente a través da actuación de varias agrupacións como As Estribillos, Retrouso, Recanto e o grupo Chafarís do que fan parte músicos ouzandeses e os nosos profes Marcos e Fofi.
Na romaría tamén se puido ver a cesta de produtos que sorteaba a ONG entre os que destacaba a MANTA realizada polas mulleres das Xuntanzas pra tecer da Fervenza de Ouzande.
Aí quedan unhas imaxes da festa:
Este ano non fixo falta nin anuncialo. Un bo grupo de xente de todas as idades foise achegando ao Campo da Festa de Ouzande para preparar e celebrar a Festa do Lumeiro. Recollemos plantas e flores para facer a auga de flores, preparamos un lindo home do saco para guindalo ao lume, asamos chourizos, comemos, bebemos, cantamos, tocamos e bailamos. Anotamos todo o que queriamos queimar, metémolo no saco e ao lume. Festa.
É
para A Fervenza de Ouzande unha enorme satisfacción chegar a este 15º
aniversario despois de realizar perto de 300 actividades puntuais dende a súa
fundación no verán de 2001.
Desde
o proceso de constitución da asociación, contando coa participación e a opinión
dos veciños e veciñas ata hoxe, sempre foi intención da Asociación achegarse á
xente e as súas opinións sobre o que debía ser a dinamización sociocultural da
parroquia de Ouzande.
Nestes
15 anos foron moitos os obxectivos iniciais que se foron cumprindo, e mesmo
foron incorporándose outros inicialmente non contemplados.
Conseguiuse
recuperar, sempre coa colaboración de moitos socios e veciños da parroquia, o
contorno da Fervenza de Ouzande (que deu nome á asociación) para o disfrute e o
lecer da veciñanza e de todas as persoas e grupos que hoxe se achegan para o
seu disfrute; case sempre co noso esforzo colectivo e sen apenas axudas de
outras entidades públicas.
Recuperouse
tamén o ciclo festivo anual coa celebración de actividades no antroido, lumeiro
de san Xoán, magosto, canto dos reis, etc. e mocidade, especialmente nas festas
patronais, e destacando seguramente os Xogos Oulímpicos que chegarán este verán
á súa 4ª edición xa.
Tamén
se programaron innumerables actividades para a infancia
Tamén
se organizaron cursos e charlas de todo tipo, sempre tratando de ofrecer ao
público contidos pouco habituais nos “circuítos” formativos do rural (curso de
astronomía, p ex.) ou outros centrados no noso medio rural, focalizando sempre
o tratamento deste tema no respecto ao medio ambiente e nos cultivos limpos.
Cursos de cociña, musicoterapia, ximnasia, bailes de salón, micoloxía...,
completaron a oferta destes anos. Pola súa novidade, no seu día, cumpriría
destacar tamén as Xornadas sobre a Linguaxe das Campás, que incluían un curso
práctico de campaneiro, en 2005, e que permitiu que o son das campás da igrexa
de Ouzande estea recollido no Arquivo Sonoro de Galicia. Un último exemplo, e
recente, de dinamización a partir de curso formativos constitúeno as Xuntanzas
para tecer, que un grupo de mulleres da asociación constituíron
autoxestionadamente e que deu como froito, entre outros, a Manta que se doou a
ONG Implicadas, nesta mesma semana. E así ducias e ducias de horas, compartindo
e aprendendo.
Presentacións
de libros de escritores da parroquia e de fóra, acutacións musicais no Local
Social, contacontos e magos, malabaristas, actuacións teatrais, fixeron da nosa
humilde casa unha verdadeira Cidade da Cultura.
Decenas
de rutas de sedeirismo pola zona, no programa Imos Andar coa Fervenza de
Ouzande; unha excursión anual, e xa van quince tamén, son actividades que se
foron realizando en cumprimento dos soños que tiñamos escritos naquelas
intencións iniciais.
O
que non estaba escrito, e que fomos construíndo de vagar, foi o que hoxe xa é
unha pequena escola de música tradicional. Nas primeiras festas, nos primeiros
anos, “tiñamos que buscar os gaiteiros fóra da parroquia”; hoxe en día “Ouzande
exporta gaiteiros e gaiteiras”. Máis de 60 alumnos e alumnas por ano para as
disciplinas de gaita, acordeón, percusión, canto e pandeireta. Un grupo de
referencia na música tradicional da comarca, e máis alá, como Retrouso, con
dous discos na mochila, e mais recentemente un grupo de cancións tradicionais,
Recanto, e un futuro prometedor cheo de mozas e mozos gaiteiros.... son os
froitos dese traballo de anos, paciencia e esforzo.
Polo
camiño quedaron, sen nostalxias, pero con orgullo, o Festival Músicas da Terra,
que trouxo a Ouzande as mellores agrupacións da nosa música, e a miles de
asistentes, que fixeron do evento un punto de referencia musical no país. Ou a
revista Carreiros, voceiro en papel da Asociación e da parroquia, que desde
2010 agarda por momentos mellores para o seu regreso.
Non
sabemos que pasará dentro de 15 anos. Pero por agora SEGUIMOS TECENDO.
Na imaxe as 160 persoas que se xuntaron nun xantar de confraternidade, o pasado 19 de xuño no Campo da Festa de Ouzande.
A festa contou con outras actividades:
-Venda de camisetas da asociación
-Mostra de paneis coa historia da asociación en imaxes e proxección dun
vídeo coa historia da asociación, ambas actividades no Local Social de
Ouzande.
-A celebración rematou cunha festa na que o alumnado
das clases de música e baile tradicional que se imparten todos os
sábados realizará unha serie de actuacións nas diferentes disciplinas
musicais (gaita, acordeón, tambor, canto, baile e pandeireta). Actuaron as Pandereteiras da Fervenza de Ouzande, Estribillos, Retrouso e Recanto. O grupo de baile tamén actuou nunha fermosa e calorosa tarde da que quedan aí as mellores imaxes.