luns, 30 de decembro de 2019

Así foi a X Ruta de Nadal en Ouzande

En Nadal tamén fomos andar

Un grupo de 20 persoas acudiu á cita da Fervenza de Ouzande e gozou dunha estupenda mañá de paseo con temperaturas propias doutras épocas do ano. A pesar diso aínda estaban os camiños anegados de auga das recentes chuvias, pero que permitiron, ao mesmo tempo, gozar de estupendas visións da Fervenza de Ouzande e os seus muíños e dos numerosos regatos que encontraron no seu camiño os sendeiristas. Unha vez máis reinou un gran ambiente de convivencia e camaradaría, e os participantes citáronse para a próxima convocatoria, xa na primavera.

Para ver máis fotos, pica na imaxe:

https://photos.app.goo.gl/GhUXYKmZeW6ujfQN6 

 Con esta publicación despedimos o ano 2019. Moi boas festas e feliz 2020 para todos e todas


luns, 23 de decembro de 2019

Cea das clases de música e baile.

Un ano máis, o alumnado e profesorado das clases de música e baile tradicional da asociación, xuntouse para cear e facer foliada agora que se achega o fin de ano. Coma sempre, o evento foi no restaurante o Xarro, o pasado día 13 de decembro, e serviu para intercambiar comentarios dun anos de clases, e para pasalo moi, moi ben.

Picando na foto poderás ver máis imaxes do evento:

https://photos.app.goo.gl/Z7TP3drFFZRX6DbE8

domingo, 22 de decembro de 2019

X Ruta de Nadal en Ouzande


EN NADAL TAMÉN IMOS ANDAR

O próximo mércores 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da décima edición da Ruta de Nadal. Nesta ocasión escolleuse a RUTA DOS MONTES DE OUZANDE E A SOMOZA.

A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A actividade é gratuíta.
A actividade só será suspendida en caso de que as condicións meteorolóxicas impidan a súa realización.

PERCORRIDO: 10 quilómetros, atravesando os montes das parroquias de Ouzande e A Somoza, polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese. 
DIFICULTADE: baixa
MATERIAL: roupa cómoda, calzado de inverno, e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:15 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO: 13:15h (Igrexa de Ouzande)

PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

-Muíños da Fervenza. Conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S. XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza,  e son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta. Debido ás recentes chuvias observaremos estampas de extraordinaria beleza.
- Montes da Somoza. No transcurso da ruta pola esta parroquia atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que pasaremos no percorrido. Cruzarmos tamén o pequeno lugar de Bargo, na parroquia da Somoza, con algunhas construcións da nosa arquitectura rural tradicional.

 Mapa da ruta

Así foi o obradoiro de xabón.

Aí quedan algunhas imaxes da actividade do programa FACÉMOLO NÓS que tivo lugar o pasado sábado, 14 de decembro. Aprendemos e pasámolo ben con Montse Fernández Búa, de Bio casa Xorxeira.


martes, 10 de decembro de 2019

FACÉMOLO NÓS. OBRADOIRO DE FABRICACIÓN DE XABÓN EN OUZANDE

Este sábado, 14 de decembro, poremos remates á programación de actividades de Outono coa realización dun Obradoiro de fabricación caseira de xabón, dentro do proxecto FACÉMOLO NÓS, que leva adiante a Asociación e que ten como fin a realización propia de diversos produtos, sempre dende un punto de vista de respecto ao medio e de aproveitamento e reciclaxe dos recuros dos que dispoñemos ao noso arredor.
Nesta ocasión contaremos, unha vez máis, con Montse Fernández Búa, agricultora ecolóxica e especialista no aproveitamento de recursos naturais para diferentes utilidades. Rexenta a Bio Tenda Casa Xorxeira na Praza de Abastos da Estrada.
O obradoiro estará destinado á autofabricación caseira de pastillas de xabón utilizando restos de aceite usado.

Ofrécense un número limitado de prazas e cada persoa debe traer o seguinte material:

-Dous litros, como máximo, de aceite usado.
-Unha bañeira pequena de plástico.
-Una caixa de cartón pequena.
-Unha batedora. (Pode compartirse entre varias persoas)

A sesión terá lugar o próximo 14 de decembro, sábado, a partir das 17:30 da tarde no local social de Ouzande.
O prezo será de 4 euros para socios e socias e de 8 euros para persoas non socias. As prazas son limitadas. 
Poderanse inscribir na Taberna de Ouzande (986570285) ou no correo electrónico da asociación carreirosouzande@gmail.com