martes, 26 de febreiro de 2019

ANTROIDO 2019 EN OUZANDE. NOUTURNIA




ASÍ COMO DE NOITE
Este é o lema do Antroido 2019 en Ouzande.
Sábado 2 de marzo.
A partir das OITO E MEDIA da tarde no Local do Campo da Festa.

Gran baile de disfraces
NOUTURNIA
Imos inspirarnos no enigmático e tentador mundo da noite. Estará chea de personaxes relacionados cos misterios da noite. Escolle ti o que queiras. Seres fantásticos, aves nocturnas, personaxes da noite, e tamén podes vir en pixama se queres
Teremos música, baile, merenda con produtos típicos de antroido e churrasco, bebidas….
NON FALTARÁN, COMA SEMPRE, AS CEGAS DO ANTROIDO, COAS SÚAS COPLAS SOBRE ACTUALIDADE.
QUEN NON PODE FALTAR ES TI.
AGARDÁMOSTE

A Fervenza de Ouzande. Febreiro de 2019

Así foi a XUNTA XERAL ANUAL 2019

O domingo 10 de febreiro tivo lugar no Local Social de Ouzande a Xunta Xeral Anual da AC A Fervenza de Ouzande. Na mesma participaron 35 socios e socias da mesma que trataron a seguinte orde do día:

1. Informe de xestión do ano 2018

-Informe de actividades (con proxección de fotografías e vídeos)
-Informe económico.

2.Previsión de ingresos e gastos para o ano 2019
3.Programación anual.
4. Rogos e preguntas.
A reunión rematou cunha merenda de confraternidade a base de chocolate quente e rosca. Picando na imaxe poderás acceder ás mellores fotos do evento:


https://photos.app.goo.gl/EwyqJZvNaNp6TQKJ7

Conclusións e informe de actividades aprobado na reunión:
ASOCIACIÓN CULTURAL A FERVENZA DE OUZANDE. RESUME ACTIVIDADES 2018

315. 4 de febreiro. Xunta Xeral Anual. Elección de Xunta Directiva. Merenda de convivencia. 40 asistentes.
316. 10 de febreiro. Antroido. FITOU (Feira internacional de Turismo de Ouzande). Festa disfraces no Campo da Festa e no Local Social de Ouzande. Merenda e actuacións musicais. 60 participantes.
317. 2 de marzo. Imos andar. Charla informativa: As velutinas en Galicia. Xulio Maside 50 asistentes.
318. 21 de abril. Obradoiro de aproveitamento de plantas medicinais. Montse F. Búa. 40 persoas inscritas.
319. 4 de maio. Presentación do libro Albas e epílogos de Manuel Pereira Valcárcel. 50 asistentes.
320.4 de maio. Cea de clausura das Xuntanzas para tecer. 15 participantes.
321. 4 de maio. Imos andar. Ruta de Codeseda. 13 persoas participantes.
322. 17 de maio. Imos andar. XIII Ruta das Letras. Ruta á Pedralba. Agasallo dun libro a cada camiñante. 20 participantes
323. 20 de maio. Espectáculo humorístico co Padre Merino. A.M.E.N. 35 asistentes.
324. 27 de maio. Excursión anual á comarca de Bergantiños. Malpica, Cabana de Bergantiños, Corme, Dolmen de Dombate, Laxe. 50 participantes.
325. 16 de xuño. Festa de Fin de Curso das Clases de música. Mostra, foliada e merenda. 50 asistentes.
326. 23 de xuño. Lumeiro. Chourizos, festa, e lume. 60 participantes.
327. 18 de agosto. Pola tarde no muíño. Xornada de limpeza e merenda na Fervenza de Ouzande. 15 participantes.
328. 7 de setembro. Colaboración coa Xunta Parroquial na organización da Noite de Música Tradiciona nas Festas do Socorro de Ouzande. Retrouso, Recanto, Os Xeitosos de Trazo, Grupo Nai e AC Rosalía de Castro. 250 asistentes.
329. 29 de setembro. Inicio dos Cursos de Música e Baile tradicional. Pandeireta, gaita, acordeón, baile, percusión e canto. 50 inscritos/as.
330. 28 de outubro. Ruta de Outono. Camiño do Río Gallo. 15 participantes.
331. 10 de novembro. Foliada de outono. Música e castañas. Inicialmente estaba prevista a participación de gaitas Invernía. Debido ás malas condicións climatolóxicas tivo que suspenderse. Finalmente celebrouse unha pequena festa con castañas asadas. festa e música dentro do local. 30 participantes.
332. 25 de novembro. II Encontro de formación e reflexión da Xunta Directiva en Sabucedo. 10 participantes.
333. 30 de novembro. Cea das Clases de Música da Asociación. 35 participantes. O Xarro, Aguións.
334. 25 de decembro. IX Feliz Ruta de Nadal. Carreiros de Ouzande. 20 participantes.
335. Durante todo o ano os grupos de música Retrouso e Recanto participaron en foliadas como: Noites de raíz de Callobre, Cantos de Taberna da Estrada, Encontro Teatral do IES Losada Diébuez, Sardiñada de Ouzande, , Ghaitellón de Pontecesures, Festas de San Lourenzo de Ouzande, Foliada de S. André, Magosto de Marrozos (Santiago), Encontro Teatral en Orazo...
336. Venda de camisetas “Andando camiños” e suadoiros para o alumnado das clases.

Realizáronse un total de 21 actividades nas que participaron unhas 900 persoas. Desde a súa fundación, a Asociación leva realizadas 336 iniciativas ou actividades, ademais de manter durante todo o ano actividades semanais como as Clases de Música, todos os sábados.

Neste 2019 a Asociaición cumprirá os 18 anos de existencia.

Conclusións INFORME DE ACTIVIDADES 2018 A FERVENZA DE OUZANDE

1. Implicación activa dos asociados:
-Alta porcentaxe de pagamento da cota anual. 
-Participación nas actividades satisfactoria. Tanto na cantidade como na implicación nelas

2. Recuperación do número de iniciativas socioculturais, en relación con 2018. Realizáronse máis dunha vintena de actividades.
3. Aposta pola continuidade e reforzo de actividades relacionadas coa nosa contorna e pola nosa relación co medio rural e co medio ambiente. Moi boa acollida tanto cuantitativa como cualitativa.
4. Mantemento das actividades de aire libre, rutas e excursión, e celebración do ciclo festivo anual, antroido, lumeiro, magosto... Boa participación nas mesmas.
5. Potenciación das Clases de música e baile tradicional. Mantense o número das persoas inscritas, aínda que non en todas as disciplinas. Achegáronse novos socios e socias grazas a esta actividade.
6. Colaboración con outras entidades da contorna, Regatos de Callobre, Xarandeira de Pontecesures, Coto Manguelo de Orazo, centros educativos (IES Losada Diéguez, CEIP Cabada Vázquez de Codeseda), etc.
7. Consolidación de outras formas de organización a través da posta en marcha, por terceiro ano, das Xuntanzas para tecer en Ouzande.
8. Colaboración coa Xunta Parroquial de Ouzande en diversas inciativas.

Previsións para o 2019

1. Continuar co proceso de formación e renovación iniciado coa Xunta Directiva que se iniciou o ano pasado.
2. Profundizar na revisión e actualización da metodoloxía de traballo e planificación máis realista e acaída das actividades a realizar.
3. Mantemento e Dinamización da Ruta da Fervenza. Continuación coa recuperación do Muiño do Rubio.
4. Reforzo de actividades e autoorganización e potenciación das clases de Música e Baile, así como dos grupos que xorden delas.
5. Planificación e deseño dunha nova actividade musical da asociación.
Colaboración co proxecto Invernía no que está incluído Retrouso xunto con outros grupos galegos.

sábado, 9 de febreiro de 2019

Convocatoria Xunta Xeral Anual



Convócase a todos os socios e socias a Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 10 de febreiro de 2019 ás 5:30 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión do ano 2018

-Informe de actividades (con proxección de fotografías e vídeos)
-Informe económico.

2. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2019

3. Programación anual.

4. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.

En Ouzande, A Estrada, febreiro de 2019

PD.
1. É moi importante que fagas o posible por asistir á reunión para que entre todos colaboremos na boa marcha da asociación, e na proposta e organización de actividades. Recorda que a Asociación somos todos e todas.

2. Na reunión estarán xa a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual deste ano, e os pendentes do ano anterior (para os socios/as que non pagaron aínda). Recorda que para a organización das actividades é moi necesario dispoñer dos recursos económicos necesarios. Despois da reunión quedarán á túa disposición na Taberna de Ouzande.

A Fervenza de Ouzande