A AC A Fervenza de
Ouzande presenta a sexta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida
especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como
ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido
festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música
tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande.
A iniciativa, xa
consolidada nas seis anos anteriores, cumpre o obxectivo fundamental
de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras
iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e
de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música
tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á
musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da
mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións.
Tamén está nas
motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas
parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical
diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa
a principal protagonista. En consecuencia FERVENZA DE MÚSICAS está
incluída en dito programa de festexos que organiza a Xunta
Parroquial de Ouzande.
As actuacións dos
grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”,
mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e
ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior
participación posible dos asistentes.
O programa desta VII
Foliada será o seguinte:
Día: Venres, 12 de
setembro de 2014
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa
de Ouzande.
Haberá posto de polbo
e churrasco, así como servizo de bar.
Actuacións
Musicais:
Milgrandeira (A
Estrada)
Milgrandeira
é unha nova agrupación de música tradicional estradense que leva
tocando dende fai un ano. Os seus instrumentistas son compoñenetes e
excompoñentes da agrupación de Barbude que decidiron xuntarse para
expandir as súas ansias de tocar. Durante este ano en activo tocaron
en celebracións, festas e foliadas de diferentes puntos da comarca e
a súa contorna. Milgrandeira está formada por: Raquel Lamazares:
gaita e pandeireta; Lucía Chas: gaita; Ana Carballo: gaita; Andrea
Arias: gaita; Sergio López: acordeón; Chema Cerqueiro: tamboril;
Xosé Martíns: bombo.
Vou Vir Vor Ver
(Santiago)
Grupo
de música e canto tradicional de Santiago de Compostela que se
presenta así: Había unha vez no coro dunha A.F. chamada Cantigas e
Agarimos unha xentiña, mulleres e homes de todas as idades, que
tiñan ganas de pasalo ben ao noso xeito, ao xeito dos galegos:
cantando, tocando, bailando... música de aquí. E ás portas do mes
de xuño do 2011 xuntáronse nun bar, onde se toman as decisións
importantes, e crearon este proxecto. Pero pasou que xa non estaban
sós porque outros moitos se lles foron arrimando e crearon así un
mosaico violeta ben xeitoso. Estreáronse nos Cantos de Taberna do
Folk in Río(Touro) e dende aquela seguen armando festa e coidando,
como mellor saben facer, de que a nosa tradición siga viva e ben
viva.
A Xuntanza de San
Pedro (Santiago)
Grupo
de Gaitas da Xuntanza xurdido hai máis dunha década no seo desta
asociación veciñal do carismático barrio da capital de Galicia.
Unha ducia de gaiteiros e gaiteiras que veñen amenizando festas e
foliadas de Santiago e de diferentes puntos da nosa comunidade.
Proxecto interxeracional de amantes da nosa música.
Retrouso
(Ouzande)
Fundado
en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos
referentes da música tradicional da comarca, participando en
festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk
de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de
Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de
extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional.
Preparan a gravación do seu segundo traballo.
Recanto
(Ouzande)
Agrupación
dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás
cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das
clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde
o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano,
ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou en foliadas
e certames de cantos de Taberna en Trazo, Arzúa ou Santo André de
Vea
Cómpre subliñar que
esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así
como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún
tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido,
queremos agradecer publicamente a boa disposición de grupos e
músicos convidados, que sumarán perto de medio cento de persoas.
Ao mesmo tempo
convidamos a todos e a todos os veciños da Estrada e a súa contorna
a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa
como é debido.
TAMÉN HABERÁ UN
STAND DA ASOCIACIÓN NO QUE SE PORÁN Á VENDA AS CAMISETAS OFICIAIS
DESTE ANO 2014. O DESEÑO RURAL FAXION DE ROSA DE CABANAS.