mércores, 4 de novembro de 2026

FESTA DOUTONO 2026 EN OUZANDE

 

Sábado 7 de novembro a partir das 8 da noite no local social do campo da festa de Ouzande. 

Música a cargo das agrupacións musicais Retrouso de Ouzande e Decotío. Convídase aos asistentes a traer os seus instrumentos para facer foliada.

Haberá castañas asadas e viño novo de balde para todos e todas as asistentes.
Tamén haberá servizo de bar con chourizos asados e bebidas a prezos económicos. Tamén haberá xogos populares para os asistentes.
 
Non faltes! 

 

luns, 5 de outubro de 2026

INICIO DAS CLASES DE CANTO TRADICIONAL CURSO 2026-2027


                              Gústache cantar? Queres probar?

O mércores 7 de outubro comeza un novo curso de canto, impartido por Antón Calvo.

Temos un sitio para ti, achégate o mércores ás 19.45, ou envíanos unha mensaxe a carreirosouzande@gmail.com ou a través das nosas redes sociais.

Búscanos e ven!!! 

xoves, 1 de outubro de 2026

INICIO DAS CLASES DE GAITA, PERCUSIÓN, PANDEIRETA E BAILE EN OUZANDE. CURSO 2026-2O27

 


O sábado 3 de outubro comezan as clases de gaita e percusión impartidas nor Noelia Bouzón Docampo , e as de baile e pandeireta, impartidas por Silvia Martinez Lopez.
Temos un sitio para ti, achégate
(ás 10.00, percusión, ás 11.30, gaita, ás 17.00, pandeireta, ás 19.30, baile) ou anótate en carreirosouzande@gmail.com)

xoves, 24 de setembro de 2026

PROGRAMA BAILAS? CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL EN OUZANDE CURSO 2026-2027


 
Xa podes inscribirte nas clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande. As disciplinas serán: GAITA, PERCUSIÓN, PANDEIRETA, BAILE E CANTO TRADICIONAL.

Dá igual o nivel que teñas, na Fervenzade Ouzande temos un sitio para ti. As clases comezarán no mes de outubro. Máis información en:
 
carreirosouzande@gmail.com
 

@fervenzadeouzande  

Aí tés os horarios, profesorado e data de inicio:


MÉRCORES
 
CANTO TRADICIONAL
19:45 a 20:45
Profesor: ANTÓN CALVO
Inicio: 7 de outubro
 
SÁBADOS
 
PERCUSIÓN (tamboril/bombo)
10:00 a 11:30
Profesora: Noelia Bouzón
Inicio: 3 de outubro

GAITA (iniciación)
11:30 a 13:00
Profesora: Noelia Bouzón
Inicio: 3 de outubro
 
os sábados pola tarde tamén haberá
ensaios/perfeccionamento de percusión
e gaita para as persoas interesadas  
 
PANDEIRETA (iniciación)
17:00 a 18:30
Profesora: SILVIA MARTÍNEZ
Inicio: 3 de outubro
 
PANDEIRETA (perfeccionamento)
18:00 a 19:30
Profesora: SILVIA MARTÍNTEZ
Inicio: 3 de outubro

BAILE TRADICIONAL
19:30 a 21:00
Profesora: SILVIA MARTÍNEZ
Inicio: 3 de outubro

 

EXITOSA PRESENTACIÓN DO LIBRO DE ROSA DE CABANAS EN OUZANDE

 O pasado venres, 18 de setembro, máis de 70 persoas ateigaron o local social de Ouzande para acompañar a Rosa de Cabanas, na presentación do seu primeiro libro, 12 mulleres sen rostro, publicado pola Editorial Galaxia.

No acto, conversaron coa autora, o representante da editora, Xesús Domínguez e a actriz, escritora e narradora oral, a nosa querida Paula Carballeira.

O acto estivo cheo de cariño e emotividade e rematou cunha merenda de convivencia para todas as persoas asistentes.

O grupo de música tradicional da Asociación, Retrouso, puxo o acompañamento musical ao evento.

Picando na imaxe poden verse as mellores fotos da presentación. 


 

luns, 14 de setembro de 2026

ROSA DE CABANAS PRESENTA O SEU LIBRO DOCE MULLERES SEN ROSTRO EN OUZANDE

 

A Fervenza de Ouzande programa para este venres 18 de setembro a presentación do primeiro libro da deseñadora ouzandesa, socia e compoñente da directiva da asociación, Rosa de Cabanas.
Será no campo da festa de Ouzande ás 20 horas.
No acto participará a coñecida escritora e narradora oral, madriña da Fervenza de Ouzande, Paula Carballeira.
Tamén estará representada a Editorial Galaxia, a través de Xesús Domínguez Dono
 
Estás convidado
Estás convidada 

CRÓNICA E FOTOS DA FESTA DE FIN DE CURSO 25-26 DAS CLASES EN OUZANDE

O sábado 20 de xuño, a partir das 20 horas, no campo da festa de Ouzande, tivo lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2025-2026,  que incluíron as disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional.

O evento  iniciouse coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases, ás que asistiron regularmente máis de trinta e cinco persoas durante todo o curso.

Os máis de 60 asistentes compartiron unha merenda de convivencia e unha foliada que puxo remate á celebración.

Podes ver as mellores fotos da festa picando nesta imaxe:


 

ASÍ FOI A EXCURSIÓN SAN SIMÓN 2O26

Un grupo formado por 55 excursionistas participou un ano máis na excursión anual da Fervenza de Ouzande o pasado domingo, 7 de xuño.

Nesta ocasión o seu destino foi a Enseada de San Simón, nas comarcas de Vigo e Pontevedra.
O nutrido grupo fixo un minicionso percorrido polos puntos máis interesantes da zona, que comezou cun paseo en barco que tivo como destino unha visita guiada á histórica Illa de San Simón. A seguir puideron visitar o MEIRANDE, museo histórico da Batalla de Rande, sito na parroquia redondelá do mesmo nome.
O xantar, coma sempre campestre, tivo lugar na praia fluvial de Pontesampaio, ao pé da histórica ponte do lugar. Aproveitaron para repoñer forzas e reforzar lazos e convivencia.
A tarde non foi menos intensa, pois o grupo achegouse á vila de Redondela para visitar o seu núcleo histórico, rematando a viaxe nas fermosas Salinas de Ulló, no concello de Vilaboa (que sorprenderon gratamente aos participantes), con un paseo que fixo as delicias dos viaxeiros e viaxeiras.
Quedaron, coma sempre, emprazados para vindeira edición da excursión da Fervenza de Ouzande.
Picando na foto podes ver as mellores imaxes da viaxe: 

 

xoves, 18 de xuño de 2026

FOLIADA FIN DE CURSO 2026 EN OUZANDE


Este sábado, 20 de xuño, a partir das 20 horas, no campo da festa de Ouzande, terá lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2025-2026,  que incluíron as disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional. Máis de 30 persoas acudiron á súa cita semanal nestas modalidades.

O evento do próximo sábado iniciarase coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases.

Convidamos tamén a que as persoas que o desexen traian os seus instrumentos e ganas de pasalo ben para continuar coa festa.

Haberá servizo de bar.

Estás convidada 

Estás convidado