Aí queda unha crónica e as imaxes da excursión á Coruña.
A Fervenza de Ouzande celebrou, o domingo 29 de maio, a súa excursión anual, que chegaba á súa 15ª edición, cunha visita á cidade da Coruña.
A pesar das malas predicións meteorolóxicas, un grupo de 50 ouzandeses partí ás 9 da mañá cara a cidade da Coruña, respondendo á convocatoria feita pola Asociación.
O atrevemento tivo o seu premio, pois a comitiva gozou dun magnífico día de excursión que os paraugas permaneceron pechados, contra o prognóstico, practicamente durante toda a xornada.
O primeiro destino foi a visita á contorna do emblema da cidade, a Torre de Hércules, que provocou a admiración entre os participantes, especialmente aqueles que a vían por primeira vez ou outros que despois de décadas volvían á cidade atlántica. Algúns dos presentes recordaban con nostalxia a súa "lúa de mel" de visita no lugar.
Co tempo aínda algo ameazante, achegáronse ao Aquarium Finisterrae, coñecido popularmente como a Casa dos Peixes, no que, ademais de realizar unha completa e extensa visita, puideron disfrutar dun dos momentos culminantes da vida no Acuario, como é a hora do xantar das máis de unha ducia de focas que habitan nos estanques da Casa dos Peixes, e que provocou a admiración dos asistentes.
Coa sensible melloría do tempo os excursionistas puideron gozar do xantar campestre que realizaron na contorna da Casa das Ciencias, no parque de Santa Margarida, no centro da cidade. É este un dos momentos máis agardados das excursións da Fervenza de Ouzande, no só polo necesario descanso e reposición de forzas, coa comida que cada familia trae das súas casas, senón polos momentos de lecer, convivencia, e conversa amena sobre as incidencias da viaxe. Nin que dicir ten que o agarimoso día co que os recibiu a capital herculina foi un dos temas de conversa máis repetidos.
Quedaba para a tarde o prato forte do día, como foi o paseo guiado (por membros da propia asociación) pola cidade, especialmente centrado no casco histórico, e nomeadamente na fermosa e descoñecida Cidade Vella da Coruña. Nun primeiro intre gozaron co paseo polos Xardíns de Méndez Núñez, Cantóns, Rúa Real e Praza de María Pita...; e a seguir, xa adentrados na parte máis antiga, pasearon polas vellas rúas enlousadas achegándose á Igrexa de Santiago, de Santa María do Campo, Pazo de Cornide, Xardíns de San Carlos, sen esquecer as mostras da arquitectura máis contemporánea, como a Fundación Luís Seoane, ou o Museo de Arte Sacra. Non foi raro escoitar en varias ocasións entre os asistentes a frase "eu nunca pasara de María Pita..." O paseo rematou na remozadísima, e fermosa, zona portuaria e paseo marítimo onde os excursionistas admiraron a máis coñecida fachada acristalada da capital coruñesa.
Un gran día, unha vez máis, de bo ambiente, convivencia e camaradería, non exento do coñecemento intenso da historia e da fisonomía dunha das cidades máis fermosas do noso país. A próxima cita xa queda fixada para de hoxe nun ano
Ningún comentario:
Publicar un comentario