xoves, 22 de febreiro de 2018
As velutinas en Galicia. Charla informativa en Ouzande
O próximo venres 2 de marzo ás 20.30 horas no local social de Ouzande terá lugar unha charla informativa arredor da praga de avespas velutinas (asiáticas) que asola gran parte da nosa comunidade e que se manifesta de maneira virulenta na nosa parroquia e todas as da nosa contorna. A pesar de ser un fenómeno coñecido por todos, detectamos unha falta de información fidedigna, completa e fiable sobre as características e consecuencias da acción deste insecto así como das posibles medidas de prevención a tomar. En consecuencia, a AC A Fervenza de Ouzande, programa esta actividade, que tratará de achegar a maior e mellor información a todas as persoas interesadas e mesmo afectadas directamente: produtores de mel, de froita, e veciños en xeral. Para iso escolleuse como relator a unha das persoas que hoxe en Galicia conta con máis autoridade científica e coñecemento para falar do tema, o doutor en Bioloxía, Xulio Maside Rodríguez.
Xulio Maside, investigador do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) da Universidade de Santiago de Compostela. O investigador forma parte do grupo que está a analizar a incidencia da velutina en Galicia dende diversas perspectivas así como para propor medidas para a súa erradicación realizado pola Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Maside pertence ao grupo de Xenómica de Parásitos do CiMUS e investiga a posibilidade de que parasitos autóctonos galegos podan chegar a afectar ás velutinas. A día de hoxe é, desde o punto de vista científico, unha das autoridades no tema en Galicia.
Info: Ficha no CIMUS e na Universidade de Santiago
A actividade é gratuíta e nela poden participar todas as persoas interesadas.
A actividade da comezo ao programa de actividades de PRIMAVERA da Asociación, que terá continuidade con outras medioambientais, saídas, rutas e excursións.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario