EN NADAL TAMÉN IMOS ANDAR
O próximo martes 25 de decembro, a AC A Fervenza de
Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da novena
edición da Ruta de Nadal. Nesta ocasión escolleuse a Ruta dos Carreiros de Ouzande
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal
dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa
amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A
actividade é gratuíta.
PERCORRIDO: 11 quilómetros, atravesando os
diferentes lugares de Ouzande (O Redondo, O Castro, O Picoto, O Formigueiro
e Alemparte) polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos
de interese como fontes, lavadoiros e antigas calzadas. Unha parte do roteiro
cruzará o monte de Ouzande, con numerosas carballeiras e pequenos bosques de
acivros. Tamén percorreremos un tramo da Ruta da Fervenza e muiños de Ouzande.
DIFICULTADE: baixa
MATERIAL: levar roupa cómoda, calzado apropiado, e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:15 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO: 13:15h (Igrexa de Ouzande)
PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido
habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
-igrexa de Ouzande: É de estilo orixinalmente
románico, conserva elementos da época coma os canzorros que son únicos na zona
ao representaren pecados condenados pola Igrexa. Tamén destaca o seu arco
central, o agnus dei, o retablo barroco do Carme...
-cruceiros: hai dous que están nas
inmediacións da igrexa, un deles é dos máis antigos da zona, foi recollido por
Castelao en As Cruces de Pedra da Galiza.
-muíños da Fervenza: conxunto formado por sete
muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do
S.XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas
especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do
curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a
orografía que crea neste punto a famosa Fervenza, aínda que son numerosos os
cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario