venres, 20 de decembro de 2024

RUTA DE NADAL 2024

O próximo mércores 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande retoma o seu programa de camiñadas a pé cunha nova edición da Ruta de Nadal. Nesta ocasión escolleuse a RUTA CIRCULAR DOS MONTES DE OUZANDE E A SOMOZA.

 A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A actividade é gratuíta.

A actividade só será suspendida en caso de que as condicións meteorolóxicas impidan a súa realización.

 PERCORRIDO: 10 quilómetros, atravesando os montes das parroquias de Ouzande e A Somoza, polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese. 

DIFICULTADE: baixa

MATERIAL: roupa cómoda, calzado de inverno, e ter en conta a predición meteorolóxica.

SAÍDA: 10:00 (Igrexa de Ouzande)

REGRESO: 13:00h (Igrexa de Ouzande)

 PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

 -Muíños da Fervenza. Conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S. XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza,  e son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta. Debido ás recentes chuvias observaremos estampas de extraordinaria beleza.

- Montes da Somoza. No transcurso da ruta pola esta parroquia atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que pasaremos no percorrido. Cruzaremos tamén diferentes lugares da parroquia da Somoza, con algunhas construcións da nosa arquitectura rural tradicional.

AS IMAXES DA FESTA DOUTONO 2024

Aínda que con algo de atraso, aí quedan as imaxes da Festa de Outono da Asociación. Castañas, chourizos asados, xogos e viño novo para unha noite animada e participativa.

Pica na imaxe para ver as mellores fotos.