luns, 23 de agosto de 2010

fotos lumeiro 2010

As imaxes da noite máxica. Auga de flores, home do saco ao lume, chourizos, festa, lume...

fin de curso clases 2010

Aí quedan as fotos da festa de fin de curso que celebramos o día 19 de xuño e tamén unhas fotos do "ensaio xeral" (5 de xuño), no que nos xuntamos os participantes nas clases de música e baile deste curso 2009-2010

fotos roteiro castro de arcos 2010

Levamos varias actividades sen actualizar as fotografías. Comezamos. Aí quedan as da ruta do Castro de Arcos que se celebrou o pasado 13 de xuño

martes, 3 de agosto de 2010

mago toño en ouzande


O domingo 8 de agosto de 2010 ás 19:30, e como peche ás festas patronais de Ouzande, actuación do gran MAGO TOÑO no local social do campo da festa de Ouzande.
Non o perdas.

xoves, 29 de xullo de 2010

festa no muíño



Este ano houbo que pórlle lentes de sol ao moucho, porque a festa facémola de día.
O sábado 31 de xullo, a partir das 2 da tarde no muíño do rubio. Só hai que levar o xantar e ganas de festa.
Se non sabes o camiño, pregunta na Taberna de Ouzande

martes, 22 de xuño de 2010

lumeiro 2010



O próximo 23 de xuño, mércores, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e pódese levar algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderá asar cada un nas brasas da fogueira, con espetos de loureiro. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.
Como sempre, haberá algunha sorpresiña..., ¿onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...
Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 6 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

mércores, 9 de xuño de 2010

imos andar. roteiro do castro de arcos


Hora de saída: 10.00 da mañá, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio. Percorrido de 11 km.
LUGARES DE INTERESE: no camiño habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
-Castro de Arcos. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras, pero tamén de Terra de Montes, A Ulla e Terras de Santiago. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.
-Camiño dos lobos. Para chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.
- Fonte do Redondo. Xa de volta faremos unha parada no fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla directamente desde o chan.

domingo, 6 de xuño de 2010