domingo, 21 de xuño de 2015
Lumeiro 2015
O próximo 23 de xuño, martes, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e, se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.
Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...
Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 7 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...
venres, 19 de xuño de 2015
a camiseta do verán 2015_seguimos tecendo_
martes, 16 de xuño de 2015
Foliada fin de curso 2014-2015
Un ano máis a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. No curso presente mantívose unha gran participación nestas clases, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta, baile, cancións tradicionais e acordeón.
Convidámoste entón a unha foliada para o sábado 20 de xuño a partir das 9 da tarde no campo da festa. Convidaremos tamén a uns pinchos a todos os asistentes.
Se queres, podes achegarte a partir das 8 e cuarto para ir preparando todo.
Non esquezas traer o teu instrumento musical.
as fotos da ruta por guimarei 2015
Participaron 18 persoas que completaron o recorrido previsto nunha calorosísima mañá. Aínda así, a variedade de paisaxes e o percorrido pola xeografía rural e arquitectónica da parroquia fixo as delicias dos participantes.
Con esta, remata o programa de primavera das Rutas da Fervenza de Ouzande.
xoves, 4 de xuño de 2015
Imos Andar. Ruta a Guimarei
Programa
Imos Andar Primavera 2015
A Fervenza
de Ouzande
Ruta de
Guimarei
7 de xuño
de 2015
ACCESOS:
Hai que saír da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 1 km do centro urbano
da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada).
A igrexa está a man esquerda.
PUNTO
DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para
estacionar os turismos.
PERCORRIDO:
10,5 quilómetros, partindo de Ouzande, percorreremos carreiros cara a veciña
parroquia de Guimarei. Regresaremos atravesando tamén a parroquia da Somoza
MATERIAL:
levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...) e ter en conta a predición
meteorolóxica.
SAÍDA:
10:00 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO:
13:30h (Igrexa de Ouzande)
A
actividade é gratuita. A inscrición farase no momento da saída, polo que se
prega puntualidade.
LUGARES DE
INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
Igrexas: Igrexa románica de
Ouzande e cruceiros e igrexa de Guimarei. Curiosamente ambas foron aparecen en
diversos debuxos de Castelao.
Contornos
rurais: Lugares de Guimarei: A Torre, A Cruz, Xerlís,
Contornos naturais: Agros de Ouzande e
Guimarei; regato do Zarabeto e da Pinguenla, Castro de Guimarei.
-Patrimonio arquitectónico: Pazo e Torre Medieval
de Guimarei, Pazo da Algaria, (desgraciadamente ambos en mal estado de
conservación), Pazo de Xerlís, etc.
Mapa da ruta
mércores, 3 de xuño de 2015
A Fervenza de Ouzande en Celanova
A AC A Fervenza de Ouzande celebrou a súa excursión anual, que chegaba á súa 14ª edición, cunha visita á comarca de Terra de Celanova, especialmente centrada nos diferentes e interesantes aspectos do Concello de Celanova.
Un grupo de 55 ouzandeses arribou a primeira hora da mañá do domingo a terras ourensás para realizar un completo programa de actividades que achegaría aos participantes ao pasado e presente histórico, cultural, paisaxístico e mesmo literiario, desta fermosa localidade.
A visita comezou cun agradable paseo comentado polo xacemento castrexo de Castromao, próximo á capital municipal. O percorrido pola historia celanovense, e galega por extensión, comezaba case polo principio. Os excursionistas admiraron os restos excavados dun dos mellores testemuños do noso pasado. Admiraron tamén as fantásticas vistas ao Val do Arnoia e da comarca celanovesa que desde o castro se contemplaban.
A seguir o nutrido grupo desprazouse á historica vila medieval, magnificamente restaurada e conservada, de Vilanova dos Infantes, onde puideron visitar a antiga torre medieval e coñecer de primeira man a historia deste lugar a través da mostra que recolle este recinto. Completouse a estancia en Vilanova cunha visita ás antigas covas de Vivián, dedicadas antigamente a usos tan diversos como adegas, ou mesmo recinto de culto xudeu, na Idade Media.
Á hora do xantar a comitiva desprazouse ao adro do Santuario da Virxe do Cristal, tristemente célebre nos últimos meses polo roubo da orixinal figura desta Virxe e pola morte violenta do párroco do lugar, don Adolfo Enríquez, neste triste suceso. Logo da comida campestre, gozaron duns agradables momentos de descanso, lecer e convivencia, recuperando forzas para o programa da tarde.
Tras un paseo pola vila de Celanova, visiblemente máis recuperada que hai uns anos, (a primeira excursión da asociación, en 2002, incluíra unha fugaz parada neste lugar), os participantes realizaron unha completa visita ao Mosteiro de Celanova, á súa impresionante igrexa barroca, así como á igrexa de San Miguel, verdadeira xoia prerrománica. A maxestuosidade do Claustro, ou da Igrexa, cos seus impresionantes retablos, coros, órgano, cúpula..., causaron admiración, así como o diminuto templo prerrománico de San Miguel.
O remate da actividade foi de carácter literario, e non podía ser doutro xeito no berce de escritores das nosas letras como Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez, ou o vilanovés Méndez Ferrín. O grupo achegouse á casa natal do poeta do Rexurdimento Galego, Manuel Curros Enríquez, habilitada como museo e centro divulgativo da súa figura e da dos escritores celanovenses.
Os excursionistas da Fervenza estiveron acompañados en todo momento por persoal da Fundación Curros Enríquez, encargada de xestionar e divulgar os magníficos recursos culturais, históricos e turísticos dos que dispón esta localidade e a súa contorna. E abofé que o fixeron ben.
Coma sempre, o bo ambiente, a camaradería e a magnífica convivencia reinaron no transcurso de toda a xornada, pensando xa... onde iremos o ano que ven...
Aí quedan as mellores fotos.
Aí quedan as mellores fotos.
venres, 29 de maio de 2015
Fotos X Ruta das Letras en Ouzande
Este foi o texto que leu Manolo de Cabanas
mércores, 6 de maio de 2015
X Ruta das Letras. Ruta dos carreiros do monte e as lagoas.
X RUTA DAS LETRAS
O Día das Letras
Galegas ANDAMOS E FALAMOS.
A Fervenza de Ouzande continúa co
programa “Imos andar”, coa Ruta das
Letras que chega á súa décima edición. Nesta ocasión realizaremos a "ruta dos carreiros dos montes e as lagoas".
Será o domingo 17 de maio, con saída ás 10 da mañá e regreso ás 13:30
(Igrexa de Ouzande) Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas
cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras.
PERCORRIDO: Ouzande, subida ao monte e
regreso. 12 km .
DIFICULTADE: baixa
DURACIÓN: 3 h 30 min
MATERIAL: é preciso levar roupa cómoda
(chándal, botas de montaña...), tendo en conta a predicción metereolóxica.
LUGARES DE INTERESE:
Lagoas de Zoo: Nesta saída habemos
achegarnos ao alto do monte do lugar de Zoo, xa no Concello de Cuntis, a un
lugar no que de invernos se forman lagoas de auga doce grazas ao efecto da
choiva e á escasa drenaxe do solo.
Espazos
naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas
polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo
en zonas de humedais e turbeiras de grande valor ecolóxico. Tamén, recentemente,
foron instalados varios muiños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto
na contorna e o deterioro de algunhas paraxes. Apreciaremos a diferencia na
vexetación en función da altura, posto que na zona das lagoas esta é propia de
monte alto, fronte aos bosques que temos na saída de Ouzande.
Encoro da
Estrada: Pasaremos
pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido
hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como
a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.
Suspendida a ruta do Río Gallo por causa do mal tempo.
O mal tempo co que amenceu o primeiro de maio pasado obrigou a suspender a ruta preparada polo Río Gallo. Aínda así, un pequeno grupo de sendeiristas acudiu á cita con puntualidade, para acabar dando un bo paseo de 8 km polos montes de Ouzande e A Somoza.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)








