martes, 8 de marzo de 2016

Convite concerto presentación do disco DOUS de Retrouso no Principal da Estrada

Estás convidado/Estás convidada



Recorda que as entradas son de balde e poden retirarse na Taberna de Ouzande, no departamento de Cultura do Concello da Estrada ou o propio día do concerto no Teatro.

luns, 7 de marzo de 2016

Retrouso presenta o seu disco DOUS no Principal da Estrada.



TEATRO PRINCIPAL DA ESTRADA_11.03.2016

21:30 h. Entrada de balde. Poden retirarse na billeteira, o propio día do concerto, no departamento de Cultura do Concello ou na Taberna de Ouzande.

O grupo de música tradicional nacido en Ouzande, presenta o seu segundo traballo discográfico, baixo o título de DOUS. Hai dez anos, no ano 2006, un grupo de mozos e mozas que aprenderan xuntos, e que tocaban xuntos, decidiron chamarse Retrouso. Tocaron en ducias de ruadas, foliadas e festas grandes e pequenas. En 2012 sacaron  OU, o seu primeiro traballo.   Hoxe, dez anos despois do principio, achegan DOUS, maduro, limpo e fresco. Brillante.

Nesta ocasión estarán acompañados, como introdución do espectáculo, dunha representación do labor de dinamización musical levado a cabo na AC A Fervenza de Ouzande. Gaita, percusión, pandeireta, baile e o grupo de cancións Recanto, servirán de preludio ao concerto de Retrouso.

III Cantos de Taberna na Estrada. Retrouso+Recanto

Aí quedan as imaxes dos nosos grupos na terceira edición dos Cantos de Taberna na Estrada, o pasado sábado 5 de marzo de 2016.

martes, 1 de marzo de 2016

Retrouso e Recanto nos III Cantos de Taberna da Estrada

Un ano máis os grupos de música ouzandeses participarán nos Cantos de Taberna da Estrada. Imos pola terceira edición. O próximo sábado 5 de marzo.

luns, 22 de febreiro de 2016

Imaxes Antroido de Mozas 2016

Aí quedan as mellores imaxes do pasado Antroido de Mozas, celebrado o sábado 6 de febreiro. Con nós estiveron moitas mozas, e As sobreiras do Ulla, de Touro. Moita festa e moita animación.



As cegas cantaron, un ano máis, as súas coplas.

xoves, 4 de febreiro de 2016

Antroido de mozas en Ouzande.





RAPACES E RAPAZAS!
MOZOS E MOZAS!
MAIORES TAMÉN!
NON QUEDEDES NA CASA NO ANTROIDO
E VIDE COS VOSOS DISFRACES
A PASALO BEN E DIVERTIRSE MOITO

GRAN ANTROIDO DE MOZAS EN OUZANDE
Cada un e cada unha ao seu xeito, este ano imos de MOZAS. Moderna, hipi, vella, labrega, chic, festeira....

Sábado 6 de febreiro de 2016
A partir das 5 da tarde concentración de disfraces no Campo da Festa. Sobre as 5 e media sairemos en comparsa antroideira pola parroquia. Estaremos acompañados polo grupo de gaitas As Sobreiras do Ulla (Touro) e  Retrouso de Ouzande.
Horario aproximado, porque, como imos a pé, non levaremos moita présa:
17:30 da tarde: saída do campo 
17:45 Alemparte 
18:15: O Redondo 
18:45: O Tallo 
19:30: Taberna
Seguirá unha gran festa antroideira no campo da festa e no Local Social. Haberá merenda a base de produtos típicos de antroido moita música e festa. NON FALTARÁN Á SÚA CITA AS CEGAS DO ANTROIDO QUE RECITARÁN AS SÚAS COPLAS, NAS QUE NON ESQUECERÁN ÁS NOVAS MÁIS IMPORTANTES DA PARROQUIA E DO MUNDO MUNDIAL.
Nota: Se queres botar unha man, para preparar a festa do campo, quedamos ese sábado 6 ás 10.30 da mañá no campo.
A AC A Fervenza de Ouzande convida a todos os veciños e veciñas de Ouzande a celebrar o antroido na nosa parroquia.

mércores, 3 de febreiro de 2016

Crónica e Fotos da Xunta Xeral Anual da Asociación



Conclusións do Informe de xestión de actividades 2015.

1. Implicación activa dos asociados:

                   -Alta porcentaxe de pagamento da cota anual.

                   -Aumento do número de persoas asociadas.

                   -Participación nas actividades moi satisfactoria. Tanto na cantidade como  na implicación nas mesmas.


2. Mantemento de número de iniciativas socioculturais, sobre a vintena.

3. Mantemento do número de persoas participantes, tanto socias como non socias, superando o millar. Participanción moi considerable en actividades como as rutas, como a festa doutono, fin de curso...

4.  Aposta pola continuidade de actividades relacionadas coa noso contorna e pola nosa relación co medio rural e co medio ambiente. Moi boa acollida tanto cuantitativa como cualitativa.

5.  Deuse continuidade á programación especial de Outono. Supuxo un éxito en canto ao número de actividades e a participación nas mesmas.

6.  Mantemento das actividades de aire libre, rutas e excursión, e celebración do ciclo festivo anual, antroido, lumeiro, magosto... Boa participación nas mesmas.

7.  Potenciación das Clases de música e baile tradicional. Aumento das persoas inscritas. Aumento de socios.  Participación do grupo de cancións Recanto en iniciativas de fóra da parroquia: A Estrada, Callobre, Santiago... Consolidación de Retrouso como un referente na música tradicional da comarca. Gravación do seu segundo disco.

8.  Colaboración con outras entidades da contorna. Callobre, S, André de Vea, centros educativos. Destacamos a colaboración co grupo de teatro do IES Antón Losada no Roteiro teatral, que se volverá a celebrar este ano 2016.

9. Exploración de novas formas de organización a través da posta en marcha, de xeito autoorganizado das Xuntanzas para tecer en Ouzande, xurdidas a partir do Obradoiro de tear realizado no ano 2014. As propias participantes no mesmo puxeron en marcha estas xuntanzas para compartir non só coñecementos e experiencias sobre a materia, senón tamén para falar e compartir vivencias. Supuxo ademais o achegamento de novas socias para a Asociación.



Previsións para o 2016

1. Manter o nivel de actividades do ano pasado, procurando cumprir os obxectivos que se enunciaron no apartado anterior.

2.  Dinamización da Ruta da Fervenza. Folletos, sinalización, etc. Continuación da recuperación do Muiño do Rubio.

3. Realizar actividades de celebración do 15º aniversario da Asociación. Celebrar unha festa en conmemoración do mesmo. 

Nova xunta directiva.

Presidente.Xabier Camba Sanmartín,
Vicepresidenta. Natalia Carbajal Porto,
Secretario: Manuel Rosende Torres,
Tesoureira. Rosa María Herraiz Cabanas
Vocal. María Dolores Camba Cabanas
Vocal. María Luz Rodríguez Pazos
Vocal. Manuel Ángel Bouzón Fernández.
Vocal. Noelia Bouzón Docampo
Vocal. Manuel Porto Gestoso.
Vocal. Cristina Riveira Porto.
Vocal. Laura Herraiz Cabanas
Vocal. Carmen Ribadeo Piñeiro
Vocal. Manuel Uzal Docampo

Nova vocal. María Chedas Camba

sábado, 30 de xaneiro de 2016

Convocatoria de Xunta Xeral Anual da Asociación

AC A FERVENZA DE OUZANDE
CONVOCATORIA DE XUNTA XERAL ANUAL

Convócase a socios e socias á Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 31 de xaneiro de 2016 ás 5:30 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande.
A orde do día será a seguinte:
  1. Informe de xestión do ano 2015 
  2. Informe de actividades(con proxección de fotografías e vídeos) 
  3. Informe económico. 
  4. Elección de Xunta Directiva 
  5. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2016 
  6. Programación anual. 
  7. Rogos e preguntas.
Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e biscoito.

 Avisos:
1. É moi importante que fagas o posible por asistir á reunión para que entre todos colaboremos na boa marcha da asociación, e na proposta e organización de actividades. Recorda que a Asociación somos todos e todas.
2. Na reunión estarán xa a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual correspondente, e os pendentes do ano anterior (para os socios/as que non pagaron aínda). Recorda que para a organización das actividades é moi necesario dispoñer dos recursos económicos necesarios. Despois da reunión quedarán á túa disposición na Taberna de Ouzande.

 imaxe da xunta xeral do ano pasado