xoves, 1 de febreiro de 2024

AS FOTOS DA RUTA DE NADAL 23

 Aínda que xa estamos no 2024, aí quedan as mellores fotos da ruta do Nadal. Podes velas picando na imaxe.



venres, 22 de decembro de 2023

VOLVEMOS ANDAR TAMÉN EN NADAL

  A AC A Fervenza de Ouzande recupera na súa programación a Ruta de Nadal, que non se celebrou estes últimos anos e que se iniciou alá polo 2010. Nesta edición, a duodécima, realizarase a subida ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.

A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén servirá para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.

 
Luns 25 de decembro de 2023
Hora de saída: 09:45, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.
12,5 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.


LUGARES DE INTERESE

Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
 
Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.

                                                                        mapa da ruta

 

AS FOTOS DA FESTA D´OUTONO EN OUZANDE

 Deixamos aquí as mellores fotos da festa d´outono en Ouzande, que celebramos o pasado 17 de novembro. Castañas e chourizos asados, xogos, música e festa.

Pica na imaxe para ver máis fotos:

 




domingo, 5 de novembro de 2023

Festa dOUtono en Ouzande.


Despois de varios anos, volve a Festa dOUtono a Ouzande. A AC A Fervenza de Ouzande programa unha noite de música, castañas e diversión para o vindeiro sábado ás 21 horas.

Castañas asadas e viño novo de balde, chourizos asados, bocadillos e bebidas a prezos moi económicos.  E Retrouso de Ouzande para animar a noite. Tamén haberá xogos para os asistentes.

Ven!

 

 

 


martes, 3 de outubro de 2023

HORARIOS DAS CLASES DE MÚSICA E BAILE

 Na xuntanza do pasado sábado, 30 de setembro, presentáronse os horarios e docentes das clases do curso 2023-2024

Podes achegarte polo local social de Ouzande nos mesmos. TEMOS UN SITIO PARA TI.

MÉRCORES TARDE

CANTO TRADICIONAL

19:45 a 20:45
Profesor: Antón Calvo

SABADOS MAÑÁ

PERCUSIÓN (tamboril/bombo)

10:00 a 11:30
Profesora: Noelia Bouzón Docampo

GAITA
11:30 a 13:00
Profesora: Noelia Bouzón Docampo

SABADOS TARDE

PANDEIRETA (Iniciación)

17:00 a 18:30
Profesora: Silvia Martínez López

PANDEIRETA (Perfeccionamento)
18:00 a 19:30
Profesora: Silvia Martínez López

BAILE TRADICIONAL
19:30 a 21:00
Profesora: Silvia Martínez


venres, 22 de setembro de 2023

BAILAS? XUNTANZA INFORMATIVA DAS CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL

 

Dan comezo as clases do curso 2023-2024. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 30 de SETEMBRO no local do campo da festa ás 19:00 da tarde.

Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA e BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, das clases de GAITA E PERCUSIÓN, que se celebrarán os sábados pola mañá, e as de CANTO que se celebrarán os mércores á tardiña.

As clases comezarán para a seguinte semana.

CONTACTO: 

carreirosouzande@gmail.com  

www.facebook.com/afervenza.deouzande

venres, 16 de xuño de 2023

FOLIDADA FIN DE CURSO DA FERVENZA DE OUZANDE

A Fervenza de Ouzande pon fin ao curso musical cunha foliada.

Este sábado a partir das 21 horas, no campo da festa de Ouzande, terá lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2022-23. Despois da paréntese provocada pola pandemia da covid, volvían no pasado outono estas clases a Ouzande nas disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional. Unhas 30 persoas acudiron á súa cita semanal nestas modalidades, o cal supuxo a recuperación exitosa dunha das iniciativas que máis identifican á asociación.

O evento do próximo sábado iniciarase coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases. A foliada continuará coa participación de dous grupos amigos, como son o Grupo Pena Maior de Marrozos (Compostela) e As Rebolos de Terreboredo (A Estrada). Convidamos tamén a que as persoas que o desexen traian os seus instrumentos e ganas de pasalo ben para continuar coa festa.

Haberá servizo de bar con bebidas e chourizos asados a prezos módicos.

CAMISETAS DA FERVENZA DE OUZANDE

Aproveitaremos esta actividade para poñer á venda a camiseta da Fervenza 2023, que tamén volve despois do parón pandémico. Nesta ocasión o deseño, de Rosa de Cabanas, homenaxea ao grupo da asociación, Retrouso, e ao folclore tradicional. Tamén se porán á venda bolsas(tote bag) co mesmo deseño.


 

xoves, 18 de maio de 2023

ASÍ FOI A EXCURSIÓN A BAIONA E BAIXO MIÑO

No adro do Mosteiro de Oida, co Océano Atlántico ao fondo

A asociación de Ouzande recuperou as súas excursións anuais despois de 3 de parón por causa da pandemia.
Un grupo de 35 persoas respondeu á convocatoria da Fervenza participando na actividade. Gozaron dun excelente día de viaxe, climatolóxicamente falando que permitiu gozar da paisaxe e dos diferentes lugares visitados.
A primeira parada foi na vila de Baiona na que algúns aproveitaron para facer un percorrido pola muralla do castelo de Montereal, mentras que outros pasearon pola cidade vella e as súas rúas.
No desprazamento cara o Mosteiro de Santa María de Oia gozaron das magníficas vistas cara ao Océano escoitando diferentes historias como o tráxico relato dos asasinados polos falanxistas na famosa "Volta dos nove".
A visita guiada ao Mosteiro de Oia con orixes no século XII constituiu un dos pratos fortes do día. Os excursionistas percorreron as dependencias do monumento, en fase de conservación e recuperación, admirando a arquitectura e a historia do lugar, vinculada ao mar e con épocas moito máis penosas como o momento, na Guerra civil e na ditadura, no que foi un "campo de concentración" onde eran recluídos os presos republicanos. O pequeno museo realizado con trozos de parede de xeso pintados polos presos causou fonda impresión entre os visitantes.
Antes do xantar, celebrado nun parque ao aire libre tiveron ocasión de achegarse á fortaleza de Santa Cruz, na Vila da Guarda.
Non podía faltar a subida ao monte de Santa Trega, onde visitaqron o museo e o poboado castrexo que alí se atopa.
A última etapa levou aos ouzandeses á vila da Guarda, cuxo fermoso paseo marítimo percorreron a última hora da tarde,
Un ano máis o espíritu de convivencia e bo humor trunfou na actividade, agardando todos e todas por unha nova edición.

 PODES VER AS FOTOS DA EXCURSIÓN PICANDO NA IMAXE  



martes, 2 de maio de 2023

EXCURSIÓN ANUAL DA FERVENZA DE OUZANDE

VOLVEMOS ANDAR CAMIÑOS

Despois destes anos de forzoso parón volvemos coas excursións da Fervenza de Ouzande

EXCURSIÓN A BAIONA, OIA E A GUARDA
Programa:

9.00. Saída (Igrexa de Ouzande)
10.30. Café e paseo  por Baiona
11.45. Chegada a Oia e Visita guiada ao Mosteiro de Santa María de Oia
13.15. Visita Fortaleza de A Guarda
14.00. Xantar ao aire libre (cada persoa levará o seu)
16.00. Visita ao Castro de Santa Trega.
18.00 A Guarda. Paseo e tempo libre na vila de A Guarda
21:00. Chegada a Ouzande

Prezos (inclúen entradas ao Mosteiro de Oia e Castro de S. Trega)
15 euros para persoas socias
10 euros para persoas socias menores de 18 anos
20 euros para persoas non socias

Inscricións
enviando correo a carreirosouzande@gmail.com
na Taberna de Ouzande: 986570285

Recomendamos levar roupa e calzado cómodo e estar atentos/as ás predicións metereolóxicas.
En caso de chuvia, comeremos a cuberto.

Ánimate a probar a experiencia de ir de excursión coa Fervenza de Ouzande.