xoves, 9 de maio de 2024

Recanto de Ouzande participou nas Xornadas Mar en Terra celebradas en Terreboredo

 O pasado sábado 4 de maio o grupo de canto da Fervenza de Ouzande, Recanto, acompañado por percusionistas de Retrouso participou na foliada programada dentro das Xornadas Mar en terra organizadas por Namoreiras en Terreboredo, Arca.

Estupenda, aínda que chuviosa noite, a que pasaron os nosos artistas. Picando na imaxe podes ver máis fotos.

                                                 

E de agasallo, un pequeno vídeo da actuación







A actuación de Retrouso e Recanto de Ouzande nas Noites de Raíz 24 en Callobre

 

Como se ve no cartel, os nosos grupos estiveron moi ben acompañados nunha animada noite musical en Callobre o pasado 13 de abril

Aí quedan unhas imaxes da actuación do grupo de música tradicional Retrouso e do grupo de cancións Recanto. Moi contentos/as e agradecidos/as polo trato recibido.

Pica na imaxe e poderás ver máis fotos.



martes, 13 de febreiro de 2024

ASÍ FOI A XUNTA XERAL ANUAL 2024


 O pasado 4 de febreiro celebrouse a Xunta Xeral Anual da Asociación. Unhas corentas persoas acudiron á cita na  que se aprobou o informe de actividades e o económico.

Coma sempre, o mellor veu ao final coa proxección do vídeo das mellores imaxes de 2023 e a merenda de convivencia a base de chocolate e rosca.

Aí quedan as imaxes da xuntanza. Podes ver máis picando na foto:

E abaixo tés o video resume dos mellores momentos de 2023. Que o goces!

venres, 2 de febreiro de 2024

CONVÓCASE A XUNTA XERAL ANUAL DA AC A FERVENZA DE OUZANDE


Convócase a socios e socias á Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 4 de febreiro de 2024 ás 6 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión e actividades. Proxección de imaxes resumindo o ano 2023.

2. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2024

3. Programación anual.

5. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.

xoves, 1 de febreiro de 2024

ASÍ FOI A PARTICIPACIÓN MUSICAL DA FERVENZA DE OUZANDE NO LOCAL DA ACOE

 O pasado 3 de xaneiro os grupos de gaitas e de canto da Fervenza de Ouzande actuaron na programación de Nadal promovida pola Asociación de comerciantes da Estrada. Nun concerto variado e procurando a participación do público interpretaron varias pezas instrumentais e cantadas, incluíndo panxoliñas propias do tempo do Nadal.

Pica na imaxe para ver as mellores fotos.



AS FOTOS DA RUTA DE NADAL 23

 Aínda que xa estamos no 2024, aí quedan as mellores fotos da ruta do Nadal. Podes velas picando na imaxe.



venres, 22 de decembro de 2023

VOLVEMOS ANDAR TAMÉN EN NADAL

  A AC A Fervenza de Ouzande recupera na súa programación a Ruta de Nadal, que non se celebrou estes últimos anos e que se iniciou alá polo 2010. Nesta edición, a duodécima, realizarase a subida ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.

A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén servirá para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.

 
Luns 25 de decembro de 2023
Hora de saída: 09:45, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.
12,5 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.


LUGARES DE INTERESE

Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
 
Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.

                                                                        mapa da ruta

 

AS FOTOS DA FESTA D´OUTONO EN OUZANDE

 Deixamos aquí as mellores fotos da festa d´outono en Ouzande, que celebramos o pasado 17 de novembro. Castañas e chourizos asados, xogos, música e festa.

Pica na imaxe para ver máis fotos:

 




domingo, 5 de novembro de 2023

Festa dOUtono en Ouzande.


Despois de varios anos, volve a Festa dOUtono a Ouzande. A AC A Fervenza de Ouzande programa unha noite de música, castañas e diversión para o vindeiro sábado ás 21 horas.

Castañas asadas e viño novo de balde, chourizos asados, bocadillos e bebidas a prezos moi económicos.  E Retrouso de Ouzande para animar a noite. Tamén haberá xogos para os asistentes.

Ven!