O próximo domingo,día 4 de xaneiro, a partir das 6 da tarde proxectaremos dous videos no local social de Ouzande. O primeiro será un resumo da entrevista que Manolo de Cabanas lle fixo en Sao Paulo a Florentino do Rubio para o Carreiros 7. Aí vai unha breve presentación...
A seguir proxectaremos unha gravación das obras realizadas na Igrexa de Ouzande nos anos setenta. Moi interesante.
Por fin Carreiros 7. Queremos compartilo contigo. Bonito, bonito. E barato.
Neste número continuamos a serie, iniciada no número anterior dedicada á investigación sobre os emigrantes ouzandeses noutras latitudes, baixo o título “Memoria da emigración”. Neste caso inclúese un artigo sobre Florentino do Rubio, emigrante en Itapeva, Brasil. (O artigo basease nunha entrevista gravada e realizada por Manuel de Cabanas, emigrante e “correspondente” de Carreiros na diáspora) Entrevista con Miguel Carbajal, xinete ouzandés campión de Raid e que proximamente competirá no Campionato do Mundo Creación literaria: Poemas de Manuel Cabanas, emigrante ouzandés no Brasil, e do estradense Senén Campos Maceiras. Entrevista con Lorena Nieves, astrónoma e compoñente de Retrouso, grupo da asociación Reseña literaria: Días do Final, do ouzandés Manuel Pereira. Outras seccións: Cartas e colaboracións de lectores. Memoria Fotográfica (de festa nos anos 60) Crónica de actividades, onde se recolle un resume das actividades levadas a cabo pola Asociación neste último ano. (Cursos, festas tradicionais, xogos oulímpicos, etc.)
Realizouse unha tiraxe de 350 exemplares. A revista pode adquirirse nos seguintes establecementos: Taberna de Ouzande Café A Farola Argentinos Burguer Libraría Alberte Quiñoi Se estás lonxe e queres ter Carreiros contacta con nós carreirosouzande@gmail.com
Aí vos quedan as lembranzas do meu tempo de neno en ouzande, recitadas magnificamente por Manolo de Cabanas dende Brasil (por erro noso non se escoita o primeiro verso: Ouzande foi meu niño...)
Tarde de castañas e revistas. Aí quedan as imaxes dunha celebración fermosa, emotiva e divertida. Noelia tocou para pensarmos. Rimos con Florentino dende o Brasil. Emocionámonos con Manolo de Cabanas, desde o Brasil tamén. Próximamente á venda (problemas de imprenta).
O próximo sábado, día 15 de novembro, celebraremos o outono coa chegada dun dos seus froitos máis prezados para nós. Xa chegou o CARREIROS (nº7) e queremos presentalo en sociedade. Como é tempo de castañas estaremos rodeados delas e mais poderemos ver imaxes dos protagonistas da revista, así como uns curiosos videos do noso colaborador en Sao Paulo, Manolo de Cabanas. Será as 19:15 da tarde no local social do Campo da Festa. E se queres in vendo a portada, pica na páxina de Manu
Tiñamos pensado, tamén, facer unha boa festa do magosto, pero decidimos suspendela a causa do pasamento, no día de hoxe, de Don Manuel, cura de Ouzande e socio fundador da Fervenza de Ouzande. Rendémoslle desde aquí a nosa pequena homenaxe e queremos adicar ao seu recordo este novo número de CARREIROS.
O Concello da Estrada organiza unha serie de charlas dentro do Programa Concello Saudable. A AC A Fervenza de Ouzande solicitou a súa celebración en Ouzande. Terán lugar no local do Campo da festa e os horarios e contidos serán:
Xoves 23 de outubro ás 8 e media da noite:
CLAVES PARA UNHA BOA SAÚDE
-Claves para unha boa saúde
-Hábitos saudables
-Sexualidade
Mércores 29 de outubro ás 8 e media da noite:
NUTRICIÓN SAUDABLE
-Saúde e nutrición doméstica
-Deseño de menús saudables
-Cociñado e conservación dos alimentos
-Alimentación dos nosos fillos e fillas
Xoves 30 de outubro ás 8 e media da noite:
PREVENCIÓN DE ACCIDENTES DOMÉSTICOS
-Prevención
-Primeiros auxilios
-Autoestima e autoconcepto
A asistencia é gratuíta. Recomendamos a participación nas mesmas polo enorme interese dos seus contidos.
CURSOS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL CLASES DE GAITA, BAILE E PANDEIRETA
Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 4 de outubro no local do campo da festa ás 4 e media da tarde. Na mesma informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA eBAILE.
O horario da clase de GAITA será todos os venres ás 9:30 da noite.
Nesta reunión terá lugar unha actuación por parte do grupo de gaitas da Fervenza. Tamén convidamos ás participantes nas clases de pandeireta a traeren a mesma para interpretaren algunha peza. As persoas que veñan por primeira vez tamén poden traer a súa pandeireta, se a teñen.
Anímate a tocar algún instrumento ou a bailar. Verás que non é tan difícil, e ademais vas pasalo ben.
Podes inscribirte enviando un correo a carreirosouzande@gmail.com