xoves, 7 de febreiro de 2013

ANTROIDO 2013 EUROVEIGAS EN OUZANDE


ANTROIDO 2013 EN OUZANDE 
EUROVEIGAS INAUGÚRASE EN OUZANDE 
Sábado 9 de febreiro 2013 A partir das 16:30 da tarde concentración de disfraces no Campo da Festa. A continuación, o escenario-tractor do casino EUROVEIGAS percorrerá os lugares da parroquia anunciando a inauguración do CASINO. O CASINO EUROVEIGAS ofrecerá diversos xogos a todos os participantes: ruteta da parcelaria, bingo das leiras, poker de fincas, e mesmo capela de casamentos da VEIGA. Teremos de todo: cabareteiras, matóns, crupiers, vaqueiros de medio pelo, e todo tipo de mangantes. Non faltarán as cegas do Antroido que, un ano máis recitarán as súas coplas, que non esquecerán os acontecementos da parroquia nin tampouco a actualidade en xeral. 

Horario aproximado: 
17:00 da tarde: saída do campo 
17:10: O Tallo 
18:00:. O Castro 
18:15: O Picoto e o Redondo 
18:35: Alemparte e O Formigueiro 
19:00: O Topete 
19:15: Igrexa 
19:30: INUAUGURACIÓN DO CASINO EUROVEIGAS NO LOCAL SOCIAL DO CAMPO DA FESTA.GRAN FESTA DE DISFRACES, CASINO DE XOGOS, E DEGUSTACIÓN DUNHA MERENDA CON PRODUTOS TÍPICOS DA ÉPOCA


luns, 4 de febreiro de 2013

Asemblea Anual 2013

 O pasado 20 de xaneiro celebrouse a Xunta Xeral Anual da Asociación. Unhas 50 persoas encheron o local social nunha reunión na que a Directiva presentou o informe de xestión e contas de 2012. Puideron disfrutar das mellores imaxes do ano e da actuación do grupo de cancións tradicionais da asociación. Para rematar, os asistentes degustaron un rico chocolate con rosca, nunha animada xornada de convivencia.

sábado, 19 de xaneiro de 2013

Convocatoria Xunta Xeral Anual

A AC A Fervenza de Ouzande convoca aos socios e socias á súa Xunta Xeral anual, que terá lugar o domingo 20 de xaneiro de 2013 ás 5:30 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión do ano 2012
Informe de actividades(con proxección de fotografías e vídeos)
Informe económico.
2. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2013
3. Programación anual.
4. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e biscoito.

xoves, 17 de xaneiro de 2013

Imaxes da presentación de INTERIOR CON FROITEIRO E FERIDAS

O pasado 3 de xaneiro tivo lugar a presentación do novo libro de poemas do escritor ouzandés, Manuel Pereira Valcárcel, Interior con froiteiro e feridas. No acto, ademais do autor, participou a filóloga Chuni Canal Covelo e tamén tivemos a ocasión de disfrutar da lectura dun dos poemas por parte da actriz e cantante Maite Dono. O público respondeu moi satisfactoriamente á convocatoria, ateigando o local social de Ouzande.


mércores, 2 de xaneiro de 2013

Presentación do novo libro de Manuel Pereira en Ouzande

PRESENTACIÓN DE INTERIOR CON FROITEIRO E FERIDAS DE MANUEL PEREIRA VALCÁRCEL
O xoves 3 de xaneiro Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande A partir das 20:30 horas, no local social de Ouzande (A Estrada), o autor ouzandés Manuel Pereira Valcárcel, residente en Madrid, presentará a súa última obra literaria, o libro de poemas INTERIOR CON FROITEIRO E FERIDAS. No acto participará, presentando o libro co autor, a filóloga Chuni Canal Covelo, que traballou como lectora de galego na Universidade Complutense de Madrid, onde entrou en contacto co escritor ouzandés. Gustaríanos moito contar coa túa presenza neste acto

martes, 1 de xaneiro de 2013

imaxes findeano 2012

Benvido 2013

imaxes filmou 2012



30.12.12.O FilmOU ofreceuse como unha actividade de resumo, a través de 12 películas documentais, das actividades levadas adiante pola asociación no transcurso do 2012. Ademais presentouse coa fasquía dun Festival de Cinema, con títulos tan suxerentes como: Fachicos de Lume, A lot of pipers, Brave Arcos Mountain, Un conto de Nadal, O penalti máis longo do mundo, etc., que resumían actividades como os Xogos OUlímpicos, rutas de sendeirismo, excursión anual, actividades festivas e musicais..... Concedéronse diversos premios, os globos de prata, como "mellor actriz", "mellor guión adaptado", "mellor banda sonora", e outros ao estilo de calquera festival que se precie. Tampouco faltou o glamour da alfombra vermella pola que entraron os verdadeiros protagonistas: os socios e socias da asociación, participantes das actividades, ou non. O Filmou constituiu tamén un encontro da comunidade asociativa, que tivo unha moi boa resposta, con perto de 50 asistentes, que compartiron merenda e conversa amigable ao rematar as proxeccións. Sen dúbida unha magnífica despedida do ano asociativo da Fervenza de Ouzande

xoves, 27 de decembro de 2012

filmOU 2012


FilmOU. Domingo 30 de decembro de 2012
A partir das 5 da tarde, sesión de tarde de cine no local social de Ouzande. Proxectaranse documentais sobre as distintas actividades levadas ao cabo pola asociación durante o presente ano 2012 (excursión, rutas, ciclo festivo anual, actividades musicais, etc.). Ademais a asociación ofrece unha merenda para acompañar o visionado e coloquio sobre os videos que se proxectarán. Tanto se participaches nalgunha actividade neste ano, como se non, gustaríanos contar coa túa presenza. É para todos e todas.