A excursión anual, que cumpría a décimo segunda edición,
organizada pola AC A Fervenza de Ouzande tivo lugar este domingo día 2 de xuño. Perto de 50 persoas
responderon á convocatoria e desprazáronse á cidade de Ourense, e
á Comarca de Bande, a onde foran convocados pola asociación para
vivir e revivir o OURENSE URBANO E ROMANO. O tempo despexado e cálido
acompañou aos ouzandeses durante toda a xornada en terras ourensás.
A visita á cidade
consistiu nun percorrido pola zona histórica, partindo das súas
orixes romanas, e percorrendo as súas diferentes rúas e prazas
nunha viaxe ata o presente.
Comezaron polas orixes coa visita á Alameda e ás
Burgas e o seu Centro de Interpretación. Pasaron polo punto onde se
situaba o campamento romano e foron comprobando como se foi
conformando urbanísticamente a cidade. Aproveitaron a vista a igrexa
de Santa María Nai para coñecer a época xermánica. A plena Idade
Media coñecérona a través da percorrido pola Praza Maior ou Praza
do Campo. Desda Praza do Trigo, antigo mercado medieval, accederon á
Catedral, de orixe románica, comezada a construír en 1157. Puideron
comprobar as orixinais singularidades da igrexa barroca de Santa
Eufemia. Aproximáronse xa a unha fasquía máis moderna da cidade
coa Rúa do Paseo ata a chegada ao parque de San Lázaro, desde onde
baixaron, percorrendo o Camiño de Santiago, ata a famosa Ponte
Romana ourensá, onde gozaron dunhas magníficas vistas da cidade e
do río Miño.
O xantar comunitario celebrouse nas magníficas
instalacións da Feira de Ourense, á beira do Rio Miño, e moi perto
das termas da Chavasqueira, onde os máis atrevidos aproveitaron para
darse un baño.
Despois do merecido descanso dirixíronse á
coñecida igrexa de Santa Comba de Bande, con orixes no século VII.
Nesta visita os excursionistas puideron gozar dunha magnífica
explicación histórica e artística por parte dunha veciña do
lugar, que é a encargada do coidado e divulgación desde monumento
histórico.
No mesmo concello de Bande, dirixíronse ao
Xacemento Arqueolóxico Aquis Querquennis, antigo asentamento do
exército romano na chamada Via Nova. Tiveron ocasión de visitar
previamente o magnífico Centro de Interpretación do mesmo, da man
dunha guía do mesmo. Os veciños e de Ouzande resultaron moi
gratamente sorprendidos coa visita “in situ” a este magnífico
recurso arqueolóxico e histórico, e tan pouco coñecido na nosa
comunidade.
Sen moitas máis incidencias, e cun sorriso nos
beizos, despois dun día de convivencia e descubrimento de novas
cousas, o autobús puxo rumbo a Ouzande, onde os excursionistas
arribaron na hora prevista.
Aí van as mellores imaxes
Ningún comentario:
Publicar un comentario