En outono tamén imos andar
O próximo sábado 12 de outubro, a AC A Fervenza de Ouzande continuará co
seu programa de Actividades do Outono coa convocatoria da I Ruta do Outono.
Percorreremos o Roteiro do Castro de Arcos. Son 11 km de percorrido que
inclúen a subida ao castro de Arcos, que nos ofrece unhas magníficas vistas
panorámicas e o paso polo lugar de Ferreiros, no veciño concello de Cuntis. Na
actividade poden participar todas as persoas que o desexen e é gratuíta.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
Hora de saída: 10:00, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as
13:30 ao mesmo sitio.
LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido
habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
- Fervenza e
muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. É unha zona de especial beleza pola
vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras,
bosque de acevos, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).
-Castro de
Arcos. Fermoso
promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto.
obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras.
Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
-Aldea de
Ferreiros. Pertence
ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande
relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.
-Camiño dos
lobos. Para
chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas
polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas
historias de lobos.
- Fonte do Redondo. Xa de volta faremos unha parada no
fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla
directamente desde o chan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario