venres, 19 de decembro de 2014

FELIZ RUTA DE NADAL EN OUZANDE

Atréveste? E xa van cinco...

O próximo xoves 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da QUINTA edición da Ruta de Nadal. Na mesma percorreremos o Roteiro do Castro de Arcos.



A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A actividade é gratuíta.



Hora de saída: 10:30, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.



Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.



DATOS DA RUTA

Percorrido: 11 km

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

-Castro de Arcos. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.

-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.

-Congostra dos lobos. Para chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.

-Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. No camiño de volta atravesaremos este contorno, que da nome á asociación. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...). 

Ningún comentario: