mércores, 9 de setembro de 2015

Os grupos da VIII FERVENZA DE MÚSICAS. OUZANDE 2015



A AC A Fervenza de Ouzande presenta a oitava edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande e nas que máis de 60 persoas participan cada ano.
A iniciativa, xa consolidada, cumpre o obxectivo fundamental de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións.
Tamén está nas motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa a principal protagonista.
As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público, tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes.Terá lugar o próximo venres, 11 de setembro no Campo da Festa de Ouzande a partir das 10 da noite.
 

GRUPOS CONVIDADOS
 
Tequexetéldere (A Estrada)
A charanga de Tequexetéldere, sae da agrupación do mesmo nome, fundada na Estrada eN 1990.
Nos seus comezos o corpo instrumental estaba composto por dúas gaitas tambor e bombo, pero dende hai uns 10 anos fóronselle sumando máis instrumentos: pratos para o bombo, acordeón, clarinete e saxofón.
O seu repertorio está baseado en pezas de baile, jotas, muñeiras, pasodobres, balses, rumbas e todas recollidas en terras galegas.
Na actualidade está composta por 7 músicos, e nos últimos tempos estiveron tocando por terras italianas e belgas.
É a primeira vez que a agrupación participa no certame musical ouzandés.


Nai (Santiago)
O grupo NAI xorde no 2014 coa intención de homenaxear á muller en calquera das súas facetas e tamén as súas emocións e os seus sentimentos. Con este propósito cantámoslle á falta de liberdade, á dor, ao desamor, á maternidade, ao maltrato, á perda dun amor (...) ben a través da música ou ben a través da poesía.
Os seus compoñentes actuais son:
Marcos Varela.Compositor, arranxos, acordeón, gaita e piano.
Xosé Martíns. Letrista, percusión, gaita e voz.
Patricia Quintela. Acordeón e voz.
Alberto Aneiros. Clarinete e arranxos.
Musicalmente nútrense de pezas do repertorio popular galego, do cantautor portugués Zeca Afonso e da música popular do seu país; todos eles arranxados dende o seu punto de vista. Tamén inclúen algunhas composicións de Marcos Varela, compoñente da formación.
“E preguntarédesvos.... Por que NAI?
Pois évos bastante sinxelo, non son as siglas de ningunha asociación. Escollimos o nome polo feito de ser unha faceta da muller que todos coñecemos posto que, ainda que non sexa a biolóxica, todos temos unha nai ou unha persoa que identificamos con esa faceta ao escoitar este sustantivo.”
Ésta orinal proposta, tamén se presenta por primeira vez en Ouzande, despois de teren actuado en diversos escenarios do país.

Sonche lerias (San Xián de Sales_Vedra)
Formación de música tradicional xurdida no veciño concello de Vedra, a raíz das clases de gaita iniciadas no ano 2011.
Trátase dunha completa formación, composta por 14 persoas, de todas as idades que basea o seu repertorio na música tradicional e popular galega.
Preséntanse por primeira vez neste festival, despois de teren actuado en foliadas e festas como a Fía de Trazo ou no Folk in Rio de Trazo.



Retrouso (Ouzande)
Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. Preparan a gravación do seu segundo traballo.


Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou en foliadas e certames de cantos de Taberna en Trazo, Arzúa ou Santo André de Vea.


Cómpre subliñar que esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido, queremos agradecer publicamente a boa disposición de grupos e músicos convidados, que sumarán perto de medio cento de persoas.
Ao mesmo tempo convidamos a todos e a todos os veciños da Estrada e a súa contorna a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.




TAMÉN HABERÁ UN STAND DA ASOCIACIÓN NO QUE SE PORÁN Á VENDA AS CAMISETAS OFICIAIS DESTE ANO 2015 CO DESEÑO “SEGUIMOS TECENDO”



Ningún comentario: