luns, 23 de maio de 2016

As imaxes da XI ruta das Letras

Aí quedan as imaxes e unha breve crónica da actividade realizada o pasado 17 de maio.




XI Ruta das Letras. Ruta do Río Gallo

17 para o 17 de maio.
Foron 17 as persoas que responderon á convocatoria da AC  A Fervenza de Ouzande, nunha nova edición, a úndecima, da Ruta das Letras.
12 km de percorrido, na procuras dos alicerces do Río Gallo, que nunha agradable mañá fixeron as delicias dos participantes. Mañá de paseo, de conversa e de convivencia, que se foi salferindo con lecturas dos camiñantes de diferentes estrofas dun dos poemas máis coñecidos de Manuel María, A Fala. O percorrido, atravesando paraxes fermosas da parroquia de Ouzande, pero tamén da veciña parroquia de Arcos de Furcos, no Concello de Cuntis, en especial o lugar de Ferreiros, non defraudou aos sendeiristas que gozaron co esforzo e viron recompensado o mesmo co descanso final, no adro da Igrexa de Ouzande, onde a Asociación lles ofreceu a escolla dun libro de narrativa e outro de poesía na nosa lingua. Cabe dicir que o último premio García Barros, Lourenço xograr, de Manuel Portas foi un dos títulos máis solicitados.
A despedida dos participantes, citándose para o ano vindeiro selouse cos versos de Manuel María:

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Ningún comentario: