Un
pouco de historia
É
para A Fervenza de Ouzande unha enorme satisfacción chegar a este 15º
aniversario despois de realizar perto de 300 actividades puntuais dende a súa
fundación no verán de 2001.
Desde
o proceso de constitución da asociación, contando coa participación e a opinión
dos veciños e veciñas ata hoxe, sempre foi intención da Asociación achegarse á
xente e as súas opinións sobre o que debía ser a dinamización sociocultural da
parroquia de Ouzande.
Nestes
15 anos foron moitos os obxectivos iniciais que se foron cumprindo, e mesmo
foron incorporándose outros inicialmente non contemplados.
Conseguiuse
recuperar, sempre coa colaboración de moitos socios e veciños da parroquia, o
contorno da Fervenza de Ouzande (que deu nome á asociación) para o disfrute e o
lecer da veciñanza e de todas as persoas e grupos que hoxe se achegan para o
seu disfrute; case sempre co noso esforzo colectivo e sen apenas axudas de
outras entidades públicas.
Recuperouse
tamén o ciclo festivo anual coa celebración de actividades no antroido, lumeiro
de san Xoán, magosto, canto dos reis, etc. e mocidade, especialmente nas festas
patronais, e destacando seguramente os Xogos Oulímpicos que chegarán este verán
á súa 4ª edición xa.
Tamén
se programaron innumerables actividades para a infancia
Tamén
se organizaron cursos e charlas de todo tipo, sempre tratando de ofrecer ao
público contidos pouco habituais nos “circuítos” formativos do rural (curso de
astronomía, p ex.) ou outros centrados no noso medio rural, focalizando sempre
o tratamento deste tema no respecto ao medio ambiente e nos cultivos limpos.
Cursos de cociña, musicoterapia, ximnasia, bailes de salón, micoloxía...,
completaron a oferta destes anos. Pola súa novidade, no seu día, cumpriría
destacar tamén as Xornadas sobre a Linguaxe das Campás, que incluían un curso
práctico de campaneiro, en 2005, e que permitiu que o son das campás da igrexa
de Ouzande estea recollido no Arquivo Sonoro de Galicia. Un último exemplo, e
recente, de dinamización a partir de curso formativos constitúeno as Xuntanzas
para tecer, que un grupo de mulleres da asociación constituíron
autoxestionadamente e que deu como froito, entre outros, a Manta que se doou a
ONG Implicadas, nesta mesma semana. E así ducias e ducias de horas, compartindo
e aprendendo.
Presentacións
de libros de escritores da parroquia e de fóra, acutacións musicais no Local
Social, contacontos e magos, malabaristas, actuacións teatrais, fixeron da nosa
humilde casa unha verdadeira Cidade da Cultura.
Decenas
de rutas de sedeirismo pola zona, no programa Imos Andar coa Fervenza de
Ouzande; unha excursión anual, e xa van quince tamén, son actividades que se
foron realizando en cumprimento dos soños que tiñamos escritos naquelas
intencións iniciais.
O
que non estaba escrito, e que fomos construíndo de vagar, foi o que hoxe xa é
unha pequena escola de música tradicional. Nas primeiras festas, nos primeiros
anos, “tiñamos que buscar os gaiteiros fóra da parroquia”; hoxe en día “Ouzande
exporta gaiteiros e gaiteiras”. Máis de 60 alumnos e alumnas por ano para as
disciplinas de gaita, acordeón, percusión, canto e pandeireta. Un grupo de
referencia na música tradicional da comarca, e máis alá, como Retrouso, con
dous discos na mochila, e mais recentemente un grupo de cancións tradicionais,
Recanto, e un futuro prometedor cheo de mozas e mozos gaiteiros.... son os
froitos dese traballo de anos, paciencia e esforzo.
Polo
camiño quedaron, sen nostalxias, pero con orgullo, o Festival Músicas da Terra,
que trouxo a Ouzande as mellores agrupacións da nosa música, e a miles de
asistentes, que fixeron do evento un punto de referencia musical no país. Ou a
revista Carreiros, voceiro en papel da Asociación e da parroquia, que desde
2010 agarda por momentos mellores para o seu regreso.
Non
sabemos que pasará dentro de 15 anos. Pero por agora SEGUIMOS TECENDO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario