IMOS ANDAR. TAMÉN EN NADAL.
ATRÉVESTE?
O próximo domingo 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da SÉTIMA edición da Ruta de Nadal. Na mesma percorrerase o Roteiro dos Montes de Ouzande, A Somoza e as Lagoas. (12 Km)
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.
A actividade é gratuíta.
Hora de saída: 10:15, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio. Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
LUGARES DE INTERESE:
Lagoas de Zoo: Nesta saída habemos achegarnos ao alto do monte do lugar de Zoo, xa no Concello de Cuntis, a un lugar no que de invernos se forman lagoas de auga doce grazas ao efecto da choiva e á escasa drenaxe do solo.
Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de grande valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muiños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes. Apreciaremos a diferencia na vexetación en función da altura, posto que na zona das lagoas esta é propia de monte alto, fronte aos bosques que temos na saída de Ouzande.
Monte Cabalar: atravesaremos a zona ocupada pola cooperativa Monte Cabalar, na aba sur do Monte Pedroso, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar os rabaños de cabras e mandas de cabalos e vacas en liberdade.
Encoro da Estrada: Pasaremos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.
Mapa da VII Ruta de Nadal
Ningún comentario:
Publicar un comentario