martes, 4 de setembro de 2018

Noite de música tradicional en Ouzande. Festas do Socorro 2018




NOITE DE MÚSICA TRADICIONAL. OUZANDE-A ESTRADA
FESTAS DO SOCORRO 2018
O programa desta noite de música tradicional será o seguinte:
Día: Venres, 7 de setembro de 2018
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
Haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar.
As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes. 


Actuacións Musicais

Os Xeitosos de Trazo (Trazo)
“Os Xeitosos de Trazo” nace por iniciativa municipal no inverno do ano 1979. Comeza como grupo de gaitas e cuns doce membros en total. Unha vez asentados e pasados xa ao redor de dous anos, dan comezo as clases de baile e con iso incorpóranse as primeiras mulleres á agrupación, pasando a ser máis de 30 persoas.
Na actualidade, os integrantes están repartidos nas escolas de baile tradicional, gaita e pandeireta, os cales están divididos segundo as idades destes. Tamén se organizan cursos na propia asociación, como o de acordeón ou de iniciación ao baile tradicional para adultos.
Mostran o seu traballo por toda a comunidade autónoma galega e nestes últimos anos vimos desenvolvendo actuacións tamén fóra de Galicia e mesmo no estranxeiro. Así mesmo, no ano 2009 asistiron ao Festival Intercéltico Beltaine (en Avilés), e ao Festival Intercéltico de Saint Loup (en Francia). Participamos tamén en numerosos concursos de baile tradicional e de pandereteiras, conseguindo varios premios en distintas categorías.
Anualmente realizan un festival no seu concello, ao cal invitan a grupos cos que fan intercambios polo resto do país e Portugal.

Grupo de gaitas da AC Rosalía de Castro (Cacheiras-Teo)
Asociación Fundada no ano 1980. O grupo de gaiteiros e pandereteiras conta no seu haber coa obtención, entre outros, dos seguintes premios:
Concurso de cuartetos organizado pola Asociación Folklórica Cantigas e Agarimos: 1º premio nos anos 1990 e 1992, e 2º premio en 1991.
Concurso de cuartetos tradicionais organizado pola Agrupación Folklórica Rosalía de Castro de Padrón: 2º premio en 1996 e 1º nos anos 1997 e 1998.
         Concurso “Ricardo Portela” organizado polo concello de Pontevedra: 3º premio e premio especial á mellor interpretación en toque pechado, na edición de 2001.
         Concurso de Música Tradicional da A. X. Xacarandaina (A Coruña): 1º premio en 1999, 3º en 2000 e 2º en 2001.
         Concurso “Alalá” da A. F. C. Santa Cruz de Ribadulla (Vedra): 1º premio en 2001.
Concurso organizado pola A. X. Xalgarete (Vigo): 2º premio na VIII edición, ano 2002.

Grupo Nai (Santiago)
O grupo NAI xorde no 2014 coa intención de homenaxear á muller en calquera das súas facetas e tamén as súas emocións e os seus sentimentos. Con este propósito cantámoslle á falta de liberdade, á dor, ao desamor, á maternidade, ao maltrato, á perda dun amor (...) ben a través da música ou ben a través da poesía.
Os seus compoñentes actuais son:
Marcos Varela.Compositor, arranxos, acordeón, gaita e piano.
Xosé Martíns. Letrista, percusión, gaita e voz.
Patricia Quintela. Acordeón e voz.
Clara Ponce. Clarinete.
Musicalmente nútrense de pezas do repertorio popular galego, do cantautor portugués Zeca Afonso e da música popular do seu país; todos eles arranxados dende o seu punto de vista. Tamén inclúen algunhas composicións de Marcos Varela, compoñente da formación.
Recentemente publicaron o seu primeiro traballo discográfico, co mesmo nome que o grupo: Nai.

Retrouso (Ouzande)
Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. No ano 2016  presentaron o seu segundo disco DOUS, no Teatro Principal da Estrada.
 
Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou desde aquela en foliadas e certames de cantos de Taberna en Pontecesures, Trazo, Arzúa, A Estrada ou Santo André de Vea.


2 comentarios:

María dixo...

Mucho exito, espero recibir mensaje con la música grabada.

María dixo...

Desde Buenos Aires, recuerdo cuando estuve presente, hace unos años, en las fiestas de Ouzande.
Fue hermoso. Ojalá otro año pueda estar allí.