luns, 14 de outubro de 2019
RUTA DE OUTONO. Ruta ao Castro de Arcos
A AC A Fervenza de Ouzande inicia o seu programa de outono coa celebración, un ano máis, da ruta de Outono. Este ano imos subir ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.
Domingo 20 de outubro de 2019
Hora de saída; 9:30, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.
12,5 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.
LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.
Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario