martes, 25 de abril de 2023

Volven as rutas da Fervenza de Ouzande. Imos andar outra vez.

O próximo luns, 1 de maio, IMOS ANDAR outra vez. 

A Fervenza de Ouzande recupera o seu programa de rutas a pé, IMOS ANDAR, coa realización da RUTA DOS MONTES DA SOMOZA E OUZANDE que terá as seguintes características:

PERCORRIDO: 10 quilómetros, atravesando os montes das parroquias de Ouzande e A Somoza, reparando en diferentes puntos de interese. 
DIFICULTADE: baixa
MATERIAL: roupa cómoda, calzado apropiado para monte, e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:00 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO: 13:00h (Igrexa de Ouzande)
 
A actividade só se suspenderá en caso que as condicións climatolóxicas adversas non permitan a súa realización.

PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habemos atopar os seguintes puntos de interese:
 
Montes da Somoza. No transcurso da ruta pola esta parroquia atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que pasaremos no percorrido. Circularemos pola aba do Monte Pedroso, un dos máis altos da contorna, con magníficas vistas panorámicas. Cruzaremos tamén o pequeno lugar de Bargo, na parroquia da Somoza, con algunhas construcións da nosa arquitectura rural tradicional.

-Muíños da Fervenza de Ouzande. Conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S. XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza,  e son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.
Mapa da ruta

Ningún comentario: