Ruta das Letras. Andamos e falamos.
Subida á Pedralba
O próximo venres 17 de maio, terá lugar unha nova edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación. A actividade realizouse por primeira vez no ano 2006 e volve á programación da asociación despois duns anos de ausencia.
Saída/Chegada: 9:30 / 13:30 Igrexa de Ouzande
Percorrido: 15 km
TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.
Recoméndase levar calzado resistente, debido ás condicións do camiño, así como uns prismáticos.
A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.
A actividade conta coa colaboración do Concello da Estrada.
LUGARES DE INTERESE:
- Montes do Pedroso e A Pedralba (A Somoza): posto que albergan numerosas especies autóctonas que sobreviviron as reforestacións masivas de coníferas, especialmente de piñeiros e eucaliptos. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).
- Monte Cabalar: A rota discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”, o que nos permitirá desfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar as mandas de cabalos e vacas en liberdade.
- Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza... O alto da Pedralba, obxectivo da ruta, sitúase a 634 m de altitude, e permitirá gozar aos camiñantes de vistas como as indicadas, e mesmo, en caso de boa visibilidade, da contemplación das Rías de Arousa e Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario