sábado, 10 de maio de 2025

RUTA DAS LETRAS 2025 EN OUZANDE. ANDAMOS, FALAMOS E CANTAMOS

Ruta das Lagoas
O DOMINGO 18 de maio, terá lugar unha nova edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación. A actividade realizouse por primeira vez no ano 2006 e volve un ano máis á programación de primavera da Fervenza de Ouzande.

A saída será ás 9:30 da mañá e regreso ás 13:30 (Igrexa de Ouzande) 

Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras e da nosa lingua.

A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

PERCORRIDO:12 km.

DIFICULTADE: baixa

MATERIAL: é preciso levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...), tendo en conta a predición metereolóxica.

A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.

A actividade conta coa colaboración do Concello da Estrada.

LUGARES DE INTERESE:

Lagoas de Zoo: Nesta saída habemos achegarnos ao alto do monte do lugar de Zoo, xa no Concello de Cuntis, a un lugar no que de invernos se forman lagoas de auga doce grazas ao efecto da choiva e á escasa drenaxe do solo.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de grande valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muiños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes. Apreciaremos a diferencia na vexetación en función da altura, posto que na zona das lagoas esta é propia de monte alto, fronte aos bosques que temos na saída de Ouzande.

Encoro da Estrada: Pasaremos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Monte Cabalar: baixaremos atravesando a zona ocupada pola cooperativa Monte Cabalar, na aba sur do Monte Pedroso, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar as mandas de cabalos e vacas en liberdade.

Mapa da ruta
 

Ningún comentario: