venres, 2 de outubro de 2009

bailas? curso 2009-2010


Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 10 de outubro no local do campo da festa ás 4 e media da tarde.

Na mesma informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE e TAMBORIL (nova especialidade coa que comezamos este ano)
Nesta reunión terá lugar unha actuación por parte do grupo de gaitas da Fervenza. As persoas que veñan tamén poden traer os seus instrumentos.
O horario da clase de GAITA será todos os sábados ás 11:30 da mañá.

Anímate a tocar algún instrumento ou a bailar. Verás que non é tan difícil, e ademais vaste divertir.

Para calquera aclaración contacta con nós: carreirosouzande@gmail.com

martes, 8 de setembro de 2009

II fervenza de músicas

A Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande presenta a segunda edición da FERVENZA DE MÚSICAS, II Foliada de Música Tradicional.

A cita musical terá lugar o próximo venres, 11 de setembro, a partir das 9 da noite no Campo da Festa de Ouzande, A Estrada.

Os grupos convidados son:

Os Xeitosos de Trazo
Regato de Matamulleres (Callobre)
Pana Raiada (Santiago)
Cé Orquestra Pantasma (home orquestra)
Retrouso (Ouzande)

+Foliada Aberta

O campo estará cuberto cunha carpa e haberá posto de polbo e Churrasco. Tamén se poderán adquirir as camisolas da festa.
Picando aquí poderá ver as imaxes da edición anterior

imaxes dunha noite no muíño

martes, 25 de agosto de 2009

unha noite no muíño 09


Un ano máis imos despedir o verán aos Muíños da Fervenza. O próximo sábado, día 29 de agosto, xuntarémonos no Muíño do Rubio, a partir das 22:30, para cear e pasalo ben ata que o corpo aguante. Hai que levar algo de comida e bebida, algún instrumento para animar (se tedes) e moitas ganas de pasalo ben. Tamén cómpre unha lanterna, porque a esas horas xa é noite, e nos camiños pode haber moitas sorpresas...

Tamén vos animamos a ir vestidos para a "ocasión", con algún vello modelo que gardedes na casa.
Se queres ver as fotos do ano pasado pica aquí.

martes, 4 de agosto de 2009

aí ven o globo!


Aí ven o globo!!! para pasármolo ven. Chegan as festas de Ouzande e como sempre, propoñemos para o domingo, día 9, unha tarde de xogos. Nesta ocasión voaremos como se fósemos globos e teremos ocasión de aprender divertidas figuras nun exclusivo Obradoiro de Globoflexia. Tamén poderemos pasalo moi ben xogando con globos tradicionais.
A partir das 6 da tarde no campo da festa. Para todos os públicos. Para todas as idades e de balde.