mércores, 10 de setembro de 2014

TODA A INFO SOBRE A FERVENZA DE MÚSICAS 2014

 

A AC A Fervenza de Ouzande presenta a sexta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande.
A iniciativa, xa consolidada nas seis anos anteriores, cumpre o obxectivo fundamental de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións.
Tamén está nas motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa a principal protagonista. En consecuencia FERVENZA DE MÚSICAS está incluída en dito programa de festexos que organiza a Xunta Parroquial de Ouzande.
As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes.
O programa desta VII Foliada será o seguinte:
Día: Venres, 12 de setembro de 2014
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
Haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar.

Actuacións Musicais:
Milgrandeira (A Estrada)
Milgrandeira é unha nova agrupación de música tradicional estradense que leva tocando dende fai un ano. Os seus instrumentistas son compoñenetes e excompoñentes da agrupación de Barbude que decidiron xuntarse para expandir as súas ansias de tocar. Durante este ano en activo tocaron en celebracións, festas e foliadas de diferentes puntos da comarca e a súa contorna. Milgrandeira está formada por: Raquel Lamazares: gaita e pandeireta; Lucía Chas: gaita; Ana Carballo: gaita; Andrea Arias: gaita; Sergio López: acordeón; Chema Cerqueiro: tamboril; Xosé Martíns: bombo.

Vou Vir Vor Ver (Santiago)
Grupo de música e canto tradicional de Santiago de Compostela que se presenta así: Había unha vez no coro dunha A.F. chamada Cantigas e Agarimos unha xentiña, mulleres e homes de todas as idades, que tiñan ganas de pasalo ben ao noso xeito, ao xeito dos galegos: cantando, tocando, bailando... música de aquí. E ás portas do mes de xuño do 2011 xuntáronse nun bar, onde se toman as decisións importantes, e crearon este proxecto. Pero pasou que xa non estaban sós porque outros moitos se lles foron arrimando e crearon así un mosaico violeta ben xeitoso. Estreáronse nos Cantos de Taberna do Folk in Río(Touro) e dende aquela seguen armando festa e coidando, como mellor saben facer, de que a nosa tradición siga viva e ben viva.

A Xuntanza de San Pedro (Santiago)
Grupo de Gaitas da Xuntanza xurdido hai máis dunha década no seo desta asociación veciñal do carismático barrio da capital de Galicia. Unha ducia de gaiteiros e gaiteiras que veñen amenizando festas e foliadas de Santiago e de diferentes puntos da nosa comunidade. Proxecto interxeracional de amantes da nosa música.



 
Retrouso (Ouzande)
Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. Preparan a gravación do seu segundo traballo. 

Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou en foliadas e certames de cantos de Taberna en Trazo, Arzúa ou Santo André de Vea
Cómpre subliñar que esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido, queremos agradecer publicamente a boa disposición de grupos e músicos convidados, que sumarán perto de medio cento de persoas.
Ao mesmo tempo convidamos a todos e a todos os veciños da Estrada e a súa contorna a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.
TAMÉN HABERÁ UN STAND DA ASOCIACIÓN NO QUE SE PORÁN Á VENDA AS CAMISETAS OFICIAIS DESTE ANO 2014. O DESEÑO RURAL FAXION DE ROSA DE CABANAS.









xoves, 4 de setembro de 2014

VII Fervenza de Músicas en Ouzande


VII FERVENZA DE MÚSICAS 2014
A Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande presenta a sexta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, VII Foliada de Música Tradicional para estas festas. A cita musical terá lugar o próximo venres, 12 de setembro, a partir das 10 da noite no Campo da Festa de Ouzande, dentro do programa das Festas do Socorro organizadas pola Xunta Parroquial. Os grupos convidados son:
Milgrandeira (A Estrada)
Vou Vir Vor Ver (Santiago)
A Xuntanza de San Pedro (Santiago)
Retrouso (Ouzande)
Recanto (Ouzande)

Haberá posto de polbo e churrasco. Tamén teremos un posto de venda de camisetas. Mentres tanto, seguen á venda na taberna de Ouzande as camisetas do verán 2014. Poderás lucir un fermoso deseño RURAL FAXION.



Imaxes unha noite no muíño 2014

A actividade tivo unha estupenda resposta pois foron bastantes as persoas que se achegaron a pasar Unha noite no muíño no contorno da Fervenza de Ouzande. Foron recibidas, desde as dez da noite polos misterioros trasnos do monte, que penaban polas congostras cumprindo penitencia dos seus males.
Arrepiantes sons saídos da espesura do bosque arrincaban gritos estarrecedores dos participantes ata chegar ao Muiño da Fervenza onde foron dispoñendo todo o neceserario para unha cea en compañía. Ala pola media noite os misteriosos seres da fervenza foronse concentrando no Muiño, escoltados polos gaiteiros que se achegaron á festa. Alí fixeron un rito de esconxuro no que expiaron os seus "pecados"
Despois da cea e da conversa deu comezo a foliada na que participaron gaiteiros e gaiteiras dos grupos Retrouso e Milgrandeira. Tamén se cumpriu, un ano máis, co rito do conxuro da queimada, que logos degustaron todos os festeiros.
Despois de horas de foliada, festa, baile e cancións a madrugada levou consigos a festeiros e trasnos, tan contentos ata a próxima noite do muíño.

fotos dos xogos agosto 2014

A chuvia impediu que puidesemos celebrar o GRAN XOGO DO CALDEIRO PENZO. Témolo gardado para o ano que ven. Aínda así xuntámonos debaixo do toldo de Porta para pasar unha tarde divertida. Os/as máis valentes....


venres, 15 de agosto de 2014

unha noite no muíño 2014

Este sábado 16 de agosto celebramos unha nova edición de UNHA NOITE NO MUIÑO.
A partir das 10 da noite estaremos no Muíño do Rubio, na Fervenza de Ouzande.
Haberá festa e música para unha noite de convivencia e lecer. Hai que levar a cea e moita gana de pasalo ben.
É imprescindible levar lanterna para o camiño, onde poderás levar algunha que outra sorpresa. 
Tamén podes ir vestido/a para a ocasión. Como queiras.

Estás convidado/Estás convidada.
 
Para quen queira ir “ben preparado/a” convocamos unhas sesión de maquillaxe para ser caracterizado de meiga/o da fervenza. A PARTIR DAS 7 DA TARDE NO LOCAL DO CAMPO DA FESTA. Levar roupa negra. (Dirixido sobre todo a rapaces e rapazas, pero para todas as idades)
AC A FERVENZA DE OUZANDE

venres, 8 de agosto de 2014

xa chega o caldeiro penzo

No plano deste folleto agóchanse os misteriosos lugares que os participantes no GRAN XOGO DO CALDEIRO PENZO terán que descubrir para desenmeigar aos turistas encantados que xa temos na parroquia. E para que quererán o caldeiro penzo?
Se queres descubrilo, e pasalo ben, achégate o próximo domingo ao campo da festa de Ouzande ás 18:30 h. Dá igual a túa idade. Ademais é de balde.
A actividade suspenderase en caso de que o mal tempo impida a súa realización

XA SABES QUE NON O VAS ESQUECER FACILMENTE

venres, 1 de agosto de 2014

o caldeiro penzo

AC A FERVENZA DE OUZANDE 
Festas de Ouzande 2014 
 GRAN XOGO DO CALDEIRO PENZO 
“Aí ven o San Lourenzo co caldeiriño penzo” 
Un grupo de turistas encantad@s están agardando polo desencantamento e para iso ti tes todo o poder. Se queres desencantalos ven o domingo 10 de agosto ao campo da festa de Ouzande ás 6 e media da tarde, hora na que comezará o rito para desenmeigar a estes turistas. Dá igual os anos que teñas. Para todas as idades e para todos os públicos. Gratuíto. Gran xogo do Caldeiro Penzo por todos os lugares de Ouzande. 
Non o vas esquecer facilmente. 
 Seguiremos informando

mércores, 9 de xullo de 2014

Lumeiro 2014 en Ouzande

Para poñer fin a un intenso mes de xuño, celebramos unha nova edición da festa do lumeiro no campo da festa. Despois de preparar a auga de flores e amañar o home do saco, comezaba a festa cando a noite caía sobre o Ouzande. Chourizos asados, viño, música e festa precederon á queima da fogueira, que comezou ás 12 da noite, despois da procesión do Home do Saco. Non faltaron os saltadores e saltadoras da fogueira, que deron lugar ás fermosas imaxes captadas por Manuel de Topete. Que as desfrutes:

Festa fin de curso en OUZANDE 2014

Máis de 60 persoas se deron cita na tarde do pasado 21 de xuño no Campo da Festa de Ouzande para celebrar a festa que poñía o ramo ao curso 2013-14. As clases, que volveron ter unha nutrida matrícula, tocaron as modalidades de acordeón, percusión, gaita, pandeireta, canto e baile tradicional. Foi precisamente unha mostra do alumnado desta última a que abriu unha bonita velada na que non faltou a boa música e a merenda de convivio dos asistentes.
Aí quedan as mellores imaxes