mércores, 5 de febreiro de 2020

Preparamos o antroido 2020



Estás convidado/estás convidada a participar na preparación do Antroido 2020 en Ouzande. Comparte as túas ideas con nós. 


SÁBADO 8 DE FEBREIRO ÁS 19:30 NO LOCAL SOCIAL

FESTA DO ANTROIDO EN OUZANDE CELEBRARASE O SÁBADO 22 DE FEBREIRO

luns, 30 de decembro de 2019

Así foi a X Ruta de Nadal en Ouzande

En Nadal tamén fomos andar

Un grupo de 20 persoas acudiu á cita da Fervenza de Ouzande e gozou dunha estupenda mañá de paseo con temperaturas propias doutras épocas do ano. A pesar diso aínda estaban os camiños anegados de auga das recentes chuvias, pero que permitiron, ao mesmo tempo, gozar de estupendas visións da Fervenza de Ouzande e os seus muíños e dos numerosos regatos que encontraron no seu camiño os sendeiristas. Unha vez máis reinou un gran ambiente de convivencia e camaradaría, e os participantes citáronse para a próxima convocatoria, xa na primavera.

Para ver máis fotos, pica na imaxe:

https://photos.app.goo.gl/GhUXYKmZeW6ujfQN6 

 Con esta publicación despedimos o ano 2019. Moi boas festas e feliz 2020 para todos e todas


luns, 23 de decembro de 2019

Cea das clases de música e baile.

Un ano máis, o alumnado e profesorado das clases de música e baile tradicional da asociación, xuntouse para cear e facer foliada agora que se achega o fin de ano. Coma sempre, o evento foi no restaurante o Xarro, o pasado día 13 de decembro, e serviu para intercambiar comentarios dun anos de clases, e para pasalo moi, moi ben.

Picando na foto poderás ver máis imaxes do evento:

https://photos.app.goo.gl/Z7TP3drFFZRX6DbE8

domingo, 22 de decembro de 2019

X Ruta de Nadal en Ouzande


EN NADAL TAMÉN IMOS ANDAR

O próximo mércores 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da décima edición da Ruta de Nadal. Nesta ocasión escolleuse a RUTA DOS MONTES DE OUZANDE E A SOMOZA.

A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A actividade é gratuíta.
A actividade só será suspendida en caso de que as condicións meteorolóxicas impidan a súa realización.

PERCORRIDO: 10 quilómetros, atravesando os montes das parroquias de Ouzande e A Somoza, polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese. 
DIFICULTADE: baixa
MATERIAL: roupa cómoda, calzado de inverno, e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:15 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO: 13:15h (Igrexa de Ouzande)

PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

-Muíños da Fervenza. Conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S. XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza,  e son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta. Debido ás recentes chuvias observaremos estampas de extraordinaria beleza.
- Montes da Somoza. No transcurso da ruta pola esta parroquia atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que pasaremos no percorrido. Cruzarmos tamén o pequeno lugar de Bargo, na parroquia da Somoza, con algunhas construcións da nosa arquitectura rural tradicional.

 Mapa da ruta

Así foi o obradoiro de xabón.

Aí quedan algunhas imaxes da actividade do programa FACÉMOLO NÓS que tivo lugar o pasado sábado, 14 de decembro. Aprendemos e pasámolo ben con Montse Fernández Búa, de Bio casa Xorxeira.


martes, 10 de decembro de 2019

FACÉMOLO NÓS. OBRADOIRO DE FABRICACIÓN DE XABÓN EN OUZANDE

Este sábado, 14 de decembro, poremos remates á programación de actividades de Outono coa realización dun Obradoiro de fabricación caseira de xabón, dentro do proxecto FACÉMOLO NÓS, que leva adiante a Asociación e que ten como fin a realización propia de diversos produtos, sempre dende un punto de vista de respecto ao medio e de aproveitamento e reciclaxe dos recuros dos que dispoñemos ao noso arredor.
Nesta ocasión contaremos, unha vez máis, con Montse Fernández Búa, agricultora ecolóxica e especialista no aproveitamento de recursos naturais para diferentes utilidades. Rexenta a Bio Tenda Casa Xorxeira na Praza de Abastos da Estrada.
O obradoiro estará destinado á autofabricación caseira de pastillas de xabón utilizando restos de aceite usado.

Ofrécense un número limitado de prazas e cada persoa debe traer o seguinte material:

-Dous litros, como máximo, de aceite usado.
-Unha bañeira pequena de plástico.
-Una caixa de cartón pequena.
-Unha batedora. (Pode compartirse entre varias persoas)

A sesión terá lugar o próximo 14 de decembro, sábado, a partir das 17:30 da tarde no local social de Ouzande.
O prezo será de 4 euros para socios e socias e de 8 euros para persoas non socias. As prazas son limitadas. 
Poderanse inscribir na Taberna de Ouzande (986570285) ou no correo electrónico da asociación carreirosouzande@gmail.com


luns, 4 de novembro de 2019

Comezan as clases de canto tradicional. Todos os martes no Local Social


Inicio das clases de canto na Fervenza de Ouzande

Mañá martes reiniciaranse as clases de canto no Local Social de Ouzande, ás 20.30 horas. Este será o horario definitivo no que se imparta esta disciplina, dentro do marco das clases de música e baile tradicional da Fervenza de Ouzande.
As clases iniciaronse en 2012 baixo a dirección do músico e profesor de gaita e acordeón, Marcos Varela. Neste curso, ante a imposibilidade de continuar co mesmo docente a asociación presenta a Miguel Ponte Liste, músico santiagués, que atesoura sen embargo unha sólida formación na música tradicional. Comezou como músico na agrupación compostelá, Pana Raiada, e na actualidade forma parte e é docente na Asociación Néboas do Cumio onde ten a cargo o grupo de acompañamento musical e imparte clase de gaita, percusión e baile. Forma parte da charanga e do grupo de pandereteiras/os da Asociación Rosalía de Castro de Cacheiras e imparte clases de canto, pandeireta, percusión, gaita e baile en diferentes asociacións da comarca de Compostela.

A AC A Fervenza de Ouzande convida a todas as persoas interesadas no horario indicado, pois aínda que hai un bo número de persoas inscritas, aínda quedan prazas libres.

 Miguel Ponte Liste

domingo, 3 de novembro de 2019

Así foi a festa dOUtono 2019 en Ouzande

Festa concorrida e animada que serviu para que os asistentes degustasen os produtos típicos do outono. Tamén houbo música e animación a cargo dos gaiteiros do grupo Retrouso. 
As mellores fotos do evento, picando AQUÍ



venres, 25 de outubro de 2019

As imaxes da ruta de Outono ao Castro de Arcos

Unha decena de persoas acudiu á convocatoria da asociación. A pesar das malas previsións meteorolóxicas, a mañá do domingo foi moi agradable para o paseo, anubrada e mesmo con momentos nos que o sol asomaba. O grupo completou o percorrido previsto facendo parada nos lugares máis destacados do recorrido e admirando a paisaxe outonal, na que destacou unha notable presenza de cogomelos de diversas especies.

Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos da ruta.


https://photos.app.goo.gl/Ta1PH2XXpYkj9y72A