mércores, 25 de decembro de 2013

Imaxes da IV Ruta de Nadal 2013

Ao final, a pesar dos precedentes e das previsións metereolóxicas puido realizarse a IV Ruta de Nadal da Fervenza de Ouzande,  xa que unha ducia de valentes responderon á convocatoria da asociación. Os  participantes non so cumpriron o programa previsto, senón que o fixeron con sobrado bo humor e con gañas de poñerlle boa cara ao temporal, que nalgún intre se fixo presente en forma de chuvia e sarabia. Pasadas as 13 horas os sendeiristas regresaban ao punto de partida sen percance e sen ningunha incidencia negativa agás ter que sortear algunhas árbores derrubadas pola borrasca do día anterior e que atrancaban os camiños.
Resúmese nas palabras dunha participante, que ao chegar solicitaba en ton humorístico o "carné de valente", que seica se repartía....
Aí quedan as mellores imaxes da xornada


domingo, 22 de decembro de 2013

xoves, 19 de decembro de 2013

IV feliz ruta de nadal 2013

atréveste?
Un ano máis imos andar o día 25 de decembro. 
Se queres, este é o plan: 
Roteiro Ouzande-Ferreiros-A Somoza Percorrido: 10 km 
Saída e chegada: Igrexa de Ouzande. 10:30 a 13:30.
Dificultade baixa.
 Recoméndase levar calzado cómodo, e ter en conta as previsións metereolóxicas.

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese: 
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande. 
-Congostra dos lobos. Saíndo de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos. Encamiñaremos á Somoza. 
-Lugar de Bargo. Fermoso lugar da parroquia da Somoza, que atravesaremos para retornar de novo os carreiros do monte desta parroquia. Rodeado de mestas carballeiras e terras de labradío. 
-Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...). Percorrerémola na parte final do recorrido.

as mellores imaxes da festa doutono 2013

O pasado 16 de novembro tivo lugar no local de Ouzande unha animada Festa de Outono. Na mesma participaron ducias de persoas que puideron degustar as ricas castañas asadas, chourizos e viño novo. Tamén probaron os ricos doces que máis de 15 socias e socios realizaron a base de castañas.
A festa completouse coas actuacións musicais do grupo de pandereteiras da asociación, do grupo de cancións Recanto, e con Retrouso, que fixeron as delicias dos asistentes. Aí quedan as mellores fotografías:

martes, 12 de novembro de 2013

festa doutono 2013



Sábado 16 de novembro. A partir das 9 da noite no Campo da Festa de Ouzande

Celebramos a festa das castañas en Ouzande. Haberá castañas asadas e viño novo, de balde para todos os asistentes.

Este ano volveremos ter novidades gastronómicas interesantes para facer unha festa máis doce para todos:

-Degustación de pasteis e doces elaborados con castañas cociñados por socios e socias. SE TI QUERES FACER O TEU DOCE TAMÉN O PODES FACER E COMPARTILO....

Tamén teremos un servizo de bar con chourizos asados a prezo módico para completar a festa.

Non faltará a música cos compoñentes de RETROUSO, co grupo de pandeireteiras da Asociación e co grupo de cancións RECANTO.

ANÍMATE E PARTICIPA NA FESTA

luns, 21 de outubro de 2013

imaxes da ruta doutono 2013

O pasado 12 de outubro, unha vintena de persoas partiron puntuais da igrexa de Ouzande respondendo á convocatoria da Fervenza de Ouzande, para percorrer os 14 km de roteiro que levaron aos camiñantes ao Castro de Arcos, desde o que puideron gozar de fermosas vistas panormámicas. O regreso, puntual tamén, levou aos participantes de novo ao adro de Ouzande despois de disfrutar do contorno da fervenza e muíños de Ouzande, os fermosos camiños dos montes da parroquia, a congostra dos lobos camiño do lugar de Ferreiros, no veciño concello de Cuntis, e a parada para refrescarse na Fonte do Redondo de Ouzande. Como sempre nun gran ambiente de compañeirismo e conversa, os participantes quedaron citados para a próxima ruta que organizará a asociación o próximo día de Nadal no mes de decembro.
Aí quedan as mellores imaxes da xornada
 

martes, 8 de outubro de 2013

ruta doutono 2013




En outono tamén imos andar

O próximo sábado 12 de outubro, a AC A Fervenza de Ouzande continuará co seu programa de Actividades do Outono coa convocatoria da I Ruta do Outono. Percorreremos o Roteiro do Castro de Arcos. Son 11 km de percorrido que inclúen a subida ao castro de Arcos, que nos ofrece unhas magníficas vistas panorámicas e o paso polo lugar de Ferreiros, no veciño concello de Cuntis. Na actividade poden participar todas as persoas que o desexen e é gratuíta. Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
Hora de saída: 10:00, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.



LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

- Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acevos, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).
-Castro de Arcos. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.
-Camiño dos lobos. Para chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.
- Fonte do Redondo. Xa de volta faremos unha parada no fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla directamente desde o chan.

xoves, 3 de outubro de 2013

HORARIOS CLASES DE MÚSICA E BAILE 2013-2014

 BAILAS?
AÍNDA QUEDAN PRAZAS LIBRES. 
NECESITAMOS BAILADORES E BAILADORAS PARA PODER FACER A CLASE DE BAILE!!
Anímate e participa.
Achégate este sábado, ao local social de Ouzande, nos horarios indicados, e na clase que che interese.

Acordeón: 10:30 horas
Gaita iniciación: 11:30 horas
Gaita perfeccionamento: 12:30 horas
Tambor: 11:30 horas
Pandeireta: 16:30 horas
Cancións tradicionais: 22:00 horas
Baile: sen definir, será o sabado pola tarde/noite. Se estás interesado neste clase achégate este sábado día 5 ao local de Ouzande as 16:30 horas.
Inscríbete enviando un correo a: carreirosouzande@gmail.com


Aí queda unha imaxe da reunión de presentación dos cursos. Sempre o pasamos ben!!!