FERVENZA DE MÚSICAS
VI FOLIADA DE MÚSICA TRADICIONAL. OUZANDE-A ESTRADA
O programa desta VI Foliada será o seguinte:
Día: Venres, 6 de setembro de 2013
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
O campo estará cuberto por unha carpa e haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar.
Actuacións Musicais:
O Ghusto do Boi (Boqueixón)
Animada e animosa charanga de música tradicional e popular. Unha ducia de compoñentes, con moito instrumento de vento, percusión e acordeón. Presentes en moreas de festas neste verán.
Os Ke Hai (Callobre)
Veterana agrupación estradense de música tradicional. O grupo callobrés non falta en ningunha festa, foliada e festival da comarca
Xurumelo (Santiago)
Trío santiagués que interpreta a música tradicional dun xeito orixinal e atrevido. Acordeóns e voz. Música de moita calidade. Participaron no recente Folk de Raíz de Callobre.
Retrouso (Ouzande)
Grupo anfitrión, fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O pasado ano presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional.
Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o pasado ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, este mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, o pasado mes de abril.
Ao mesmo tempo convidamos a todos e todas que o desexen a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario