Toda a info sobre a primeira, o próximo xoves 1 de maio:
ACCESOS: Hai que saír da igrexa de Ouzande
(A Estrada), situada a 1 km
do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande
(sinalizada). A igrexa está a man esquerda.
PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha
ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos.
PERCORRIDO: 11 quilómetros, atravesando os
diferentes lugares de Ouzande (O Redondo, O Castro, O Picoto, O Formigueiro
e Alemparte) polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos
de interese como fontes, lavadoiros e antigas calzadas. Unha parte do roteiro
cruzará o monte de Ouzande, con numerosas carballeiras e pequenos bosques de
acivros. Tamén percorreremos un tramo da Ruta da Fervenza e muiños de Ouzande.
DIFICULTADE: baixa, con tramos de media-baixa.
DURACIÓN: 3h e media
MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas
de montaña...) e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:00 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO: 13:30h (Igrexa de Ouzande)
PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido
habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
-igrexa de Ouzande: É de estilo orixinalmente
románico, conserva elementos da época coma os canzorros que son únicos na zona
ao representaren pecados condenados pola Igrexa. Tamén destaca o seu arco
central, o agnus dei, o retablo barroco do Carme...
-cruceiros: hai dous que están nas
inmediacións da igrexa, un deles é dos máis antigos da zona, foi recollido por
Castelao en As Cruces de Pedra da Galiza.
-muíños da Fervenza: conxunto formado por sete
muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do
S.XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas
especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do
curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a
orografía que crea neste punto a famosa Fervenza, aínda que son numerosos os
cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.
-vistas panorámicas: fermosas vistas
paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se
divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río
Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza, Torre de Guimarei...
Aí queda unha imaxe co percorrido que se ha realizar:
Aí queda unha imaxe co percorrido que se ha realizar:
Ningún comentario:
Publicar un comentario