sábado, 5 de maio de 2018

Imos Andar. Ruta de Codeseda

ANÍMATE E VEN ANDAR COA FERVENZA DE OUZANDE 



Ruta de Codeseda

6 de maio de 2017



Inicio: A Sagrada (Codeseda) 09.45h [42.619420, -8.437501]

Fin: A Sagrada (Codeseda)13.30h [42.619420, -8.437501]

Tipo de ruta: circular                   

Distancia e percorrido: Trátase dos primeiros 11 quilómetros do reto Codeseda-Sabucedo, futura PGR-197 que discorren pola zona fluvial da parroquia de Codeseda, atravesando paraxes espectaculares repletas de vexetación de ribeira e de patrimonio etnográfico ligado á auga, principalmente fontes, lavadeiros, pontillóns, pontes e muíños.

DIFICULTADE: baixa, apta para todos os públicos, participación gratuíta           

MATERIAL: é preciso levar roupa cómoda e calzado adecuado pois haberá zonas húmidas no camiño. Téñase en conta a predición meteorolóxica.



LUGARES DE INTERESE

O inicio é no lugar da Sagrada, ao carón da carballeira, onde encontraremos o panel co mapa da zona. Neste punto temos espazos para estacionar os nosos vehículos así como locais de hostaleira, recomendable a visita exterior á igrexa de Codeseda. Na zona hai numerosos aloxamentos rurais.

O primeiro punto de interese é o lugar de Fontenlo que conserva mostras da arquitectura civil da zona, especialmente un lavadoiro, fonte e casas centenarias. A seguir desviarémonos durante uns km cara ao Regato de Fontefría, un curso de auga que nos irá regalando numerosas estampas de postal, como a fervenza e pontella de Campos.

Río abaixo habemos chegar ao entroncamento do Rego de Fontefría co Río Umia, nun espazo de recreo de especial beleza. Os camiños nesta zona son carreiros de a un, polo que a conversa se apaga para deixar a cadaquén marabillarse coa contorna.

O seguinte punto de interese é un dos puntos máis coñecidos de Codeseda, o Refuxio de Abragán, un refuxio de pescadores que conta cunha caseta rodeada dunha fermosa carballeira e flanqueada polo Río Umia, un bo lugar para facer un avituallamento.

A ruta lévanos río arriba e permítenos descubrir algúns dos muíños da parroquia: O Novo, o de Bascuas e o do Ferreiro. Nos seguintes metros a ruta toma aires de aventura ao estreitarse o carreiro e ir ben pegado ao río, polo que cómpre ir ben atentas e atentos a non esvarar e levar un chapuzón. Nuns metros atravesaremos a estrada A Estrada-Forcarei por debaixo dun viaduto, descubrindo unha fermosa paisaxe de prados que nos ha levar a outro dos lugares históricos de Codeseda, a Fábrica da Luz. Trátase das ruínas da fábrica  “Sagrado Corazón” unha pequena eléctrica que data da década de 1920 e que fornecía de electricidade aos lugares máis próximos. A ruta desvíase cara ao lugar de Marcenlos e diríxese cara á  Sagrada por camiños sen asfaltar.



Ningún comentario: