Trinta persoas desafiaron o frío do norte con bo humor, camaradería e ansia por coñecer e compartir cousas.
O grupo de excursionistas arribou a San Martiño de Mondoñedo, en Foz, despois dunha longa viaxe, pero confortable coma sempre no bus de Exprés de Vea.
Alí fixeron a súa primeira visita guiada do día admirando a magnífica basílica románica, considerada a unha das catedrais máis antigas de Europa e cuxo actual edificio, en bo estado de conservación data do século XI.
Trasladáronse despois á vila de Mondoñedo onde visitaron e admiraron a casa onde naceu o escritor Álvaro Cunqueiro, hoxe convertida nun fermoso museo. Tamén aproveitaron para visitar a vila, aproveitando que a chuvia remitía.
Novo desprazamento á vila de Meira, onde puideron xantar a cuberto no Cabanón cedido polo concello para tal fin.
Despois, sen moito tempo de descanso, foron gozar da igrexa de Santa María, que formaba parte do antigo Mosteiro do Cister. Alí, magnificamente guiados pola traballadora da oficina de turismo, foron percorrendo as diferentes estancias da mesma, para rematar admirando unha extraordinaria maqueta do antigo mosteiro.
Sen tempo que perder dirixiuse o grupo ao Pedregal de Irimia, extraordinaria formación rochosa glaciar onde nace oficialmente o río Miño. O grupo gozou coas pedras, as súas lendas, e o son do río...
Para rematar, parada e merenda en Fontemiña onde tamén o Miño ten as súas fontes.
Como sempre volveron para casa felices e contentes, agardando pola próxima edición.
Picando na imaxe do grupo, en San Martiño de Mondoñedo, podes ver máis fotos do evento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario