A Banda de gaitas IINVERNÍA facía a súa presentación oficial na Estrada nun concerto organizado pola asociación, celebrado o pasado 2 de xuño, que contou coa colaboración do Concello da Estrada.
Boa entrada no Teatro Principal para acoller este debut, no que participaban músicos do grupo nacido no seo da asociación, Retrouso: Paula Darriba Botana, Manuel Bouzón
Fernández, Pablo Neiro Mogo, Uxía Rodríguez Nebra, Celia Astorga Herraiz, Inés
Bugallo Puente, Ana Gestoso Froján, Maria Troitiño Seoane, Noelia Bouzón
Docampo, e o profesor Marcos Varela Couselo. Entre o público tamén destacaba unha notable presenza de xente da nosa parroquia, pero tamén de moitos estradenses en xeral e outras persoas chegadas de Compostela ou de Dumbría, lugares de orixe das outras formacións que compoñen a banda.
Unha coidada presentación e posta en escena da numerosa banda de gaitas, xunto cunha vestimenta alegre e tamén detallista, acompañou a unha excelente escolla e execución das pezas interpretadas. Esconitáronse comentarios sobre o afinados e acompasados que soaban os músicos e músicas. Cada vez máis cómodos no escenario, acabaron por meter ao público no peto con pezas complexas pero tamén outras moi alegres e bailables. Precisamente cun pasodobre bailado por dous membros do grupo, deuse por finalizado o concerto, que acabou sendo unha festa.
Parabéns a Invernía, e moita sorte na súa singradura cara a Lorient, onde os agarda o Festival Intercéltico.
Picando nesta imaxe podes ver outras fotos do concerto:
Ningún comentario:
Publicar un comentario