mércores, 4 de novembro de 2026

FESTA DOUTONO 2026 EN OUZANDE

 

Sábado 7 de novembro a partir das 8 da noite no local social do campo da festa de Ouzande. 

Música a cargo das agrupacións musicais Retrouso de Ouzande e Decotío. Convídase aos asistentes a traer os seus instrumentos para facer foliada.

Haberá castañas asadas e viño novo de balde para todos e todas as asistentes.
Tamén haberá servizo de bar con chourizos asados e bebidas a prezos económicos. Tamén haberá xogos populares para os asistentes.
 
Non faltes! 

 

luns, 5 de outubro de 2026

INICIO DAS CLASES DE CANTO TRADICIONAL CURSO 2026-2027


                              Gústache cantar? Queres probar?

O mércores 7 de outubro comeza un novo curso de canto, impartido por Antón Calvo.

Temos un sitio para ti, achégate o mércores ás 19.45, ou envíanos unha mensaxe a carreirosouzande@gmail.com ou a través das nosas redes sociais.

Búscanos e ven!!! 

xoves, 1 de outubro de 2026

INICIO DAS CLASES DE GAITA, PERCUSIÓN, PANDEIRETA E BAILE EN OUZANDE. CURSO 2026-2O27

 


O sábado 3 de outubro comezan as clases de gaita e percusión impartidas nor Noelia Bouzón Docampo , e as de baile e pandeireta, impartidas por Silvia Martinez Lopez.
Temos un sitio para ti, achégate
(ás 10.00, percusión, ás 11.30, gaita, ás 17.00, pandeireta, ás 19.30, baile) ou anótate en carreirosouzande@gmail.com)

xoves, 24 de setembro de 2026

PROGRAMA BAILAS? CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL EN OUZANDE CURSO 2026-2027


 
Xa podes inscribirte nas clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande. As disciplinas serán: GAITA, PERCUSIÓN, PANDEIRETA, BAILE E CANTO TRADICIONAL.

Dá igual o nivel que teñas, na Fervenzade Ouzande temos un sitio para ti. As clases comezarán no mes de outubro. Máis información en:
 
carreirosouzande@gmail.com
 

@fervenzadeouzande  

Aí tés os horarios, profesorado e data de inicio:


MÉRCORES
 
CANTO TRADICIONAL
19:45 a 20:45
Profesor: ANTÓN CALVO
Inicio: 7 de outubro
 
SÁBADOS
 
PERCUSIÓN (tamboril/bombo)
10:00 a 11:30
Profesora: Noelia Bouzón
Inicio: 3 de outubro

GAITA (iniciación)
11:30 a 13:00
Profesora: Noelia Bouzón
Inicio: 3 de outubro
 
os sábados pola tarde tamén haberá
ensaios/perfeccionamento de percusión
e gaita para as persoas interesadas  
 
PANDEIRETA (iniciación)
17:00 a 18:30
Profesora: SILVIA MARTÍNEZ
Inicio: 3 de outubro
 
PANDEIRETA (perfeccionamento)
18:00 a 19:30
Profesora: SILVIA MARTÍNTEZ
Inicio: 3 de outubro

BAILE TRADICIONAL
19:30 a 21:00
Profesora: SILVIA MARTÍNEZ
Inicio: 3 de outubro

 

EXITOSA PRESENTACIÓN DO LIBRO DE ROSA DE CABANAS EN OUZANDE

 O pasado venres, 18 de setembro, máis de 70 persoas ateigaron o local social de Ouzande para acompañar a Rosa de Cabanas, na presentación do seu primeiro libro, 12 mulleres sen rostro, publicado pola Editorial Galaxia.

No acto, conversaron coa autora, o representante da editora, Xesús Domínguez e a actriz, escritora e narradora oral, a nosa querida Paula Carballeira.

O acto estivo cheo de cariño e emotividade e rematou cunha merenda de convivencia para todas as persoas asistentes.

O grupo de música tradicional da Asociación, Retrouso, puxo o acompañamento musical ao evento.

Picando na imaxe poden verse as mellores fotos da presentación. 


 

luns, 14 de setembro de 2026

ROSA DE CABANAS PRESENTA O SEU LIBRO DOCE MULLERES SEN ROSTRO EN OUZANDE

 

A Fervenza de Ouzande programa para este venres 18 de setembro a presentación do primeiro libro da deseñadora ouzandesa, socia e compoñente da directiva da asociación, Rosa de Cabanas.
Será no campo da festa de Ouzande ás 20 horas.
No acto participará a coñecida escritora e narradora oral, madriña da Fervenza de Ouzande, Paula Carballeira.
Tamén estará representada a Editorial Galaxia, a través de Xesús Domínguez Dono
 
Estás convidado
Estás convidada 

CRÓNICA E FOTOS DA FESTA DE FIN DE CURSO 25-26 DAS CLASES EN OUZANDE

O sábado 20 de xuño, a partir das 20 horas, no campo da festa de Ouzande, tivo lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2025-2026,  que incluíron as disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional.

O evento  iniciouse coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases, ás que asistiron regularmente máis de trinta e cinco persoas durante todo o curso.

Os máis de 60 asistentes compartiron unha merenda de convivencia e unha foliada que puxo remate á celebración.

Podes ver as mellores fotos da festa picando nesta imaxe:


 

ASÍ FOI A EXCURSIÓN SAN SIMÓN 2O26

Un grupo formado por 55 excursionistas participou un ano máis na excursión anual da Fervenza de Ouzande o pasado domingo, 7 de xuño.

Nesta ocasión o seu destino foi a Enseada de San Simón, nas comarcas de Vigo e Pontevedra.
O nutrido grupo fixo un minicionso percorrido polos puntos máis interesantes da zona, que comezou cun paseo en barco que tivo como destino unha visita guiada á histórica Illa de San Simón. A seguir puideron visitar o MEIRANDE, museo histórico da Batalla de Rande, sito na parroquia redondelá do mesmo nome.
O xantar, coma sempre campestre, tivo lugar na praia fluvial de Pontesampaio, ao pé da histórica ponte do lugar. Aproveitaron para repoñer forzas e reforzar lazos e convivencia.
A tarde non foi menos intensa, pois o grupo achegouse á vila de Redondela para visitar o seu núcleo histórico, rematando a viaxe nas fermosas Salinas de Ulló, no concello de Vilaboa (que sorprenderon gratamente aos participantes), con un paseo que fixo as delicias dos viaxeiros e viaxeiras.
Quedaron, coma sempre, emprazados para vindeira edición da excursión da Fervenza de Ouzande.
Picando na foto podes ver as mellores imaxes da viaxe: 

 

xoves, 18 de xuño de 2026

FOLIADA FIN DE CURSO 2026 EN OUZANDE


Este sábado, 20 de xuño, a partir das 20 horas, no campo da festa de Ouzande, terá lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2025-2026,  que incluíron as disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional. Máis de 30 persoas acudiron á súa cita semanal nestas modalidades.

O evento do próximo sábado iniciarase coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases.

Convidamos tamén a que as persoas que o desexen traian os seus instrumentos e ganas de pasalo ben para continuar coa festa.

Haberá servizo de bar.

Estás convidada 

Estás convidado 

 

martes, 19 de maio de 2026

EXCURSIÓN Á ENSEADA DE SAN SIMÓN

 

ANDANDO CAMIÑOS

EXCURSIÓN Á ENSEADA DE SAN SIMÓN( Illa de San Simón, Centro de Interpretación da Batalla de Rande, Pontesampaio, Salinas do Ulló)

Domingo 7 de xuño de 2026

Programa:

9.00. Saída (Igrexa de Ouzande)

Parada Café
Barco a San Simón dende o porto de Cesantes
Visita guiada Illa de San Simón
Visita Museo da Batalla de Rande (ao pé da Ponte de Rande)
Xantar en Pontesampaio
Visita paseo polas Salinas de Ulló

21: Chegada a Ouzande

Prezos 

25 euros para persoas socias

15 euros para persoas socias menores de 18 anos 

30 euros para persoas non socias de calquera idade 

Cada persoa debe levar a súa propia comida

Inscricións
enviando correo a carreirosouzande@gmail.com
na Taberna de Ouzande: 986570285

Recomendamos levar roupa e calzado cómodo e estar atentos/as ás predicións metereolóxicas.
En caso de chuvia, comeremos a cuberto.

Ánimate a probar a experiencia. Ven de excursión coa Fervenza de Ouzande. 


A FERVENZA DE OUZANDE RECIBE O PREMIO COSTELAR DA CULTURA

 


O sábado 9 de maio, recollemos o premio outorgado pola Asociación Gastronómica @costelar.de.ouzande à nosa traxectoria de 25 anos de dinamización sociocultural en Ouzande.

Moitísimas grazas


 

RETROUSO E RECANTO PARTICIPARON NA ÚLTIMA NOITE DE RAÍZ DA TEMPADA EN CALLOBRE

 

O pasado 9 de maio, e convidados polos amigos e amigas da Asociación Regatos, de Callobre os grupos de canto e de gaitas da Fervenza de Ouzande participaron na última noite de raíz da tempada. 

Tocamos, cantamos, bailamos e pasámolo ben xunto as outras agrupacións coas que compartimos a festa.

Moitas grazas a Regatos por nos convidar e seguimos nas festas!!!


 

 

mércores, 1 de abril de 2026

CRÓNICA DA XUNTA XERAL ANUAL DA FERVENZA DE OUZANDE MARZO 2026

Na tarde de onte, a AC A Fervenza de Ouzande celbrou a súa Xunta Xeral Anual. Trátase da primeira encabezada por Noelia Bouzón, que foi elixida presidenta da asociación na anterior asemblea, no ano 2025.

A concorrencia, que superaba as 30 persoas, aprobou o informe económico e de xestión da nova directiva.
Destacaron que no 2025 se mantivo número de actividades dos últimos anos, post pandemia, nos que salientan as clases de música e baile tradicional, con perto de 40 persoas matriculadas, así como as rutas,
excursión e celebracións festivas como o magosto ou o entroido. A Fervenza de Ouzande pretende manter neste exercicio esta mesma dinámica, sen prexuízo de implementar novas iniciativas que reforcen a oferta asociativa ouzandesa.
 
Os asistentes puideron repasar as actividades a través dun vídeo proxectado na reunión.
A xuntanza rematou co tradicional chocolate quente con rosca compartido por todos e todas as asistentes.

Podes ver as fotos do encontro picando na imaxe.
 


martes, 17 de marzo de 2026

CONVOCATORIA DA XUNTA XERAL ANUAL DA FERVENZA DE OUZANDE


Convócase a socios e socias da AC A Fervenza de Ouzande á Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 22 de marzo de 2026 ás 6 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión e actividades. Proxección de imaxes resumindo o ano 2025.

2. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2026

3. Programación anual.

5. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.

En Ouzande, A Estrada, marzo de 2026

Na reunión estarán xa a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual deste ano. Despois da reunión quedarán a disposición de socios e socias na Taberna de Ouzande.

Entre todos e todas facemos a asociación. Non faltes!

Estamos á túa disposición no correo: carreirosouzande@gmail.com

Se non desexas seguir sendo socio/a envía un correo a:

carreirosouzande@gmail.com


ASÍ FOI O ANTROIDO DO amOUr en Ouzande

 Moito amor e moitas ganas de pasalo ben entre os asistentes á festa do entroido. AMOUR en Ouzande

Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do evento:


 

 

sábado, 14 de febreiro de 2026

ENTROIDO EN OUZANDE CON MOITO amOUr

 


Como todos os anos, estás convidado, estás convidada.
Un antroido con moito AMOUR.
Sábado 14 de febreiro de 2026 no Local social de Ouzande a partir das 9 da noite.
Haberá para picar e para divertirse.

ASÍ FOI A RUTA DE NADAL 2025

 Un fermoso día de Nadal acolleu aos valentes camiñantes que se atreveron coa proposta. Gozaron coa natureza e coa conversa, quedando emprazados para a seguinte.

Aí quedan unhas fotos. 







 

luns, 22 de decembro de 2025

RUTA DE NADAL DA FERVENZA DE OUZANDE. CASTRO DE ARCOS

 

A AC A Fervenza de Ouzande programa a 14ª edición da Ruta de Nadal na  que se realizará a subida ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén servirá para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.

Xoves 25 de decembro de 2025
Hora de saída: 09:30, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio.
12 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.
 

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto. O castro está en moi boas condicións de accesibilidade cos camiños limpos e constitúe un destino sendeirista perfecto.
Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.
Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos de moito valor con zonas moi deterioradas polo efecto humano nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.

 
mapa da ruta

 

 

AS FOTOS DA FESTA DOUTONO DA FERVENZA DE OUZANDE

 Non queremos rematar o ano sen publicar as mellores fotos da FESTA DOUTONO DA ASOCIACIÓN. Castañas asadas, xogos, moita música con Retrouso e Decotío, e sobre todo moita diversión e convivencia.

Picando na imaxe podes ver máis fotos:


 

ASÍ FOI A RUTA DE OUTONO DA FERVENZA DE OUZANDE 2025

 Un animoso e nutrido grupo de 25 persoas respondeu á convocatoria da Fervenza de Ouzande.

Unha mañá solleira e de agradable temperatura recibiu aos camiñantes que completaron os 12 km de roteiro, no tempo establecido.
Gozaron, coma sempre nas rutas da Fervenza de Ouzande, da paisaxe e da conversa e quedaron citados para a próxima ruta da asocidación, o 25 de decembro, día de Nadal.
 
Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos da ruta.